Os populares advirten que “a distribución de prazas entre centros educativos amosa desaxustes que comprometen a equidade: o servizo asociado á Escola Infantil dispón de 30 prazas e no CEIP Mato Vizoso só 20 cando a matrícula é superior e quedan 6 nenos e nenas fóra”
Vilalba, 29 de xullo de 2025. Os concelleiros do Partido Popular de Vilalba instarán formalmente no Pleno deste xoves ao goberno bipartito de PSOE e Vilalba Aberta a ampliar o servizo de Madrugadores co obxectivo de garantir o acceso a todas as familias que así o solicitaron, estudando a reorganización do servizo ou outra medida que permita dar unha resposta eficaz e inmediata á demanda existente.
Os populares amosan a súa preocupación porque “varias familias quedaron sen praza para o vindeiro curso neste servizo de apoio á conciliación a pesar de ter formalizado correctamente a súa solicitude”.
“Esta situación pon de manifesto unha insuficiencia na planificación da oferta existente fronte á demanda real, o que impide garantir o acceso en igualdade de condicións a un recurso básico para moitos fogares do municipio”, segundo manifestan.
Ademais, advirten que “a distribución de prazas entre centros educativos amosa desaxustes que comprometen a equidade: non parece razoable que se admitan arredor de 30 nenos e nenas no servizo asociado á Escola Infantil, cando o número total de matrícula dese centro é inferior ao do CEIP Mato Vizoso, e neste centro só se admitan 20 prazas e queden 6 nenos e nenas fóra”.
O Grupo Municipal Popular destaca que o servizo permite que os nenos e nenas poidan ser atendidos en horario temperán, favorecendo así a organización dos fogares e respondendo a unha necesidade real da poboación. Tendo en conta que se trata dun apoio directo ás familias, defenden que o servizo “debe adaptarse á demanda existente”.
Polo tanto, os populares cren que “o goberno local debe dar resposta a todas as solicitudes e evitar situacións de exclusión ou discriminación entre as familias vilalbesas”.
PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA
O PP de Vilalba considera que “o compromiso do goberno bipartito coa conciliación é só propaganda porque á hora da verdade non se implican en dar solucións ás familias vilalbesas”.
Así o subliñan poñendo como exemplo o Punto de Atención á Infancia (PAI) que “tardaron anos en poñer en marcha a pesar de ser coñecedores da demanda de prazas de atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos en Vilalba”.
Primeiro pedían que a Xunta incumprise as normas na escola da Galiña Azul e, cando a administración autonómica ofreceu a súa colaboración para a habilitación dun PAI, prolongaron no tempo o acondicionamento dun local axeitado.
Os populares lembran a este respecto que a Xunta demostra “o seu apoio a Vilalba e o seu compromiso real coa conciliación” achegando preto de 124.000 € que supón máis dun 90% do investimento total e que aporta en torno ao 62% do seu custo anual.
Unha vez aprobado o regulamento deste servizo municipal, os populares esixen ao goberno local explicar cando vai abrir as súas portas: “agardamos a súa posta en marcha para este curso 2025/2026”.
PLANIFICACIÓN TURÍSTICA
Os populares cren que “Vilalba ten un importante potencial turístico polos seus recursos naturais e paisaxísticos e polo seu patrimonio histórico, cultural e arquitectónico, ademais doutros atractivos”.
O verán é temporada alta, pero a Oficina de Turismo permanece pechada. E, ademais, dende o PP local botan en falta un impulso á promoción turística por parte do goberno bipartito.
É por iso que tamén pedirán explicacións no vindeiro pleno, entre outros temas, sobre as accións que contempla o equipo de goberno nese sentido e sobre os motivos polos que permanece pechada a Oficina de Turismo.