Na xornada do sábado daranse cita a Asociación Cultural Coros y Danzas Virgen del Socorro (Tíjola, Almería), Agrupación Folklórica Chemida (Las Palmas de Gran Canaria), e Grupo Folklórico Mistura de Lieiro, como peche de ouro do festival e grupo anfitrión
Cervo, 17 de xullo de 2025. Cervo acollerá os días 19 e 20 de xullo o Festival Folklórico e Infantil da man da asociación Mistura.
O Concello de Cervo será así escenario dunha dobre cita co folclore tradicional galego e español este mes de xullo, coa celebración deste evento que enchera de arte a Praza dos Campos de San Cibrao este verán.
A programación comezará o sábado 19 de xullo ás 20:00 horas, co Festival Folklórico, que reunirá agrupacións de distintas partes de España para ofrecer un espectáculo de música e danza tradicional que promete encher de cor e ambiente a vila de San Cibrao.
Participarán:
Asociación Cultural Coros y Danzas Virgen del Socorro (Tíjola, Almería)
Agrupación Folklórica Chemida (Las Palmas de Gran Canaria)
Grupo Folklórico Mistura de Lieiro, como anfitrión
Ao día seguinte, o domingo 20 de xullo ás 19:00 horas, terá lugar o Festival Folklórico Infantil, centrado na promoción das novas xeracións e no relevo xeracional no mundo do folclore. Actuarán grupos infantís de distintas localidades da Mariña:
Arco da Vella (San Miguel de Reinante)
A.C. Osorio Gutiérrez (Lourenzá)
Mistura de Lieiro (Lieiro)
Os dous festivais están organizados polo Grupo Folklórico Mistura en colaboración co Concello de Cervo.
O evento foi presentado pola tenente de alcaldesa, Mali Méndez, e polo concelleiro Alfredo Fernández, en compañía de varios membros da asociación Mistura.
Desde o Concello queren agradecer o esforzo da asociación e dos colectivos participantes, subliñando a importancia deste tipo de eventos, “todo un orgullo para nós acoller iniciativas coma esta, que poñen en valor a nosa cultura e tradicións, ao tempo que dinamizan a vida social e económica do noso concello. Estes festivais enchen de vida as rúas de San Ciprián, crean encontro, e son unha oportunidade para que veciños e visitantes poidan gozar e coñecer distintas expresións do folclore tanto galego como doutras partes de España”.
Convidan a toda a veciñanza e visitantes a achegarse a San Ciprián estas datas para gozar dun ambiente festivo, familiar e cheo de tradición, reforzando así o compromiso de Cervo coa cultura e coa promoción do seu patrimonio.