O proxecto, que naceu tras as xornadas de literatura caboverdiana no IES Perdouro, incluirá contidos en diferentes idiomas, tradición oral, audiolibros e unha actividade interxeracional este verán
Burela, 3 de xullo de 2025. O Concello de Burela vén de presentar aos diferentes colectivos da vila o proxecto ‘Rincón Multicultural’, unha nova iniciativa impulsada desde a área de Inmigración que terá presenza física na Biblioteca Municipal e tamén en formato dixital a través da web do Concello.
O obxectivo desta proposta é crear un espazo de referencia onde se poida visibilizar e compartir o patrimonio cultural das distintas comunidades que conviven en Burela, tanto a través da literatura como da tradición oral, os idiomas ou outras expresións culturais.
Este proxecto naceu tras a participación do equipo de goberno nas xornadas sobre literatura caboverdiana organizadas polo IES Perdouro, nas que se adquiriu o compromiso de incorporar títulos caboverdianos á Biblioteca Municipal. Non obstante, dende o Concello aseguran que “non nos deberíamos quedar aí, senón que creemos que tiñamos que englobar todas as culturas e orixes posibles e dar cabida a tódolos colectivos”, explicou o concelleiro Mario Pillado.
Durante os meses previos, o Concello traballou na definición do proxecto en colaboración coas bibliotecas dos centros educativos locais, coas que se compartiron ideas como a de recoller a tradición oral das distintas comunidades e transformala en audiolibros ou podcasts. “Detectamos que se facía complicado atopar textos en idiomas coma o criolo ou o uolof, así que exploramos novas fórmulas para recoller ese saber oral e manter viva a memoria das culturas que conviven en Burela”, sinalou Pillado.
Na reunión celebrada onte no Concello, o equipo de goberno compartiu a proposta con representantes de diversas asociacións e nacionalidades presentes na vila, que, segundo o edil, “acolleron con entusiasmo a iniciativa e fixéronnos chegar propostas moi interesantes, como unha mostra de roupa tradicional ou un podcast multicultural”.
Como primeiro paso concreto, o Concello anunciou a organización dunha actividade interxeracional este verán na Casa da Xuventude, centrada na recompilación da tradición oral. “Pretendemos recoller contos, lendas, nanas e outras expresións culturais propias das comunidades presentes en Burela, poñéndoas por escrito desde todos os puntos de vista que temos na vila”, explicou o concelleiro.
Mario Pillado destacou tamén o valor de traballar man a man coa comunidade educativa e co tecido asociativo local: “Sobre todo é moi satisfactorio levar a cabo este proxecto da man da xente que constrúe comunidade cada día”. Ademais, fixo un chamamento á participación aberta: “Convidamos a calquera colectivo ou persoa interesada en colaborar. Se teñen contido multicultural, tradición oral ou algo relacionado que queiran compartir, será sempre ben recibido pola nosa parte”.