A Mariña 17 de xullo de 2025. Unhas trescentas persoas ateigaron o consultorio de Cervo en demanda de médic@ de familia todos os días e durante a quenda completa.
A concentración, convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña, manifestou que desde que o pasado día 15 de xullo o consultorio de Cervo está sen médico de familia, tras a renuncia ao contrato da persoa que ocupaba ese posto de traballo. Por iste motivo hoxe houbo unha soa médica para atender as máis de catro mil persoas que ten o Concello máis as persoas desprazadas e a poboación flotante asentada e non empadroada.
Segundo manifesta a coordinadora do colectivo sanitario, Montse Porteiro, “non se está a garantir a asistencia sanitaria desde hai moito tempo desde o momento en que para unha atención sanitaria ordinaria tes unha agarda superior a 48 horas, e de 24 horas para a atención urxente, polo que a situación que está a atravesar o Concello de Cervo pode definirse como de catástrofe sanitaria, e desde este colectivo esiximos que se garanta a sanidade en Cervo de xeito inmediato, instando tamén á súa alcaldesa a que se poña do lado do seu pobo en vez de trasladarlle as falacias que todos os días nos contan o conselleiro e o xerente da área sanitaria”.
“Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña seguiremos denunciando e mobilizándonos alí onde exista unha situación de déficit de atención sanitaria”.