A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participa nunha acción de sementeira de algas kelp en augas costeiras fronte ao municipio do Vicedo
O Vicedo, 9 de agosto de 2025. A Xunta traballa na recuperación e reforzo dos bosques mariños de algas laminarias (kelp) fronte á costa lucense, unha acción que se enmarca nun proxecto medioambiental máis amplo para a conservación e mellora dos ecosistemas mariños e das súas contornas no litoral de Galicia.
Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou no operativo despregado fronte ás costas do Vicedo para realizar unha sementeira de algas mediante a aplicación dunha técnica de cultivo coñecida como green gravel (grava verde) e na que a Xunta conta coa colaboración da Universidade da Coruña (UDC).
Cun investimento total de 4,46 millóns de euros, financiados con fondos europeos do Next Generation UE, as actuacións céntranse en 12 Zonas de especial conservación (ZEC) da Rede Natura 2000 ao longo de toda a costa galega, espazos mariños que albergan hábitats prioritarios e nas que se están a acometer desde o ano 2023 diferentes accións para favorecer o desenvolvemento de aves en perigo de extinción, eliminar especies alóctonas, retirar lixo mariño e repoboar bosques de kelp, entre outras.
En concreto, os traballos para a recuperación das poboacións de algas laminarias consisten no uso de pequenas rochas recubertas con esporas de kelp cultivadas previamente en laboratorio e que logo se dispersan no mar para que as algas crezan sobre elas e se asenten. De feito, a acción levada a cabo esta mañá nunha zona próxima ao Fuciño do Porco, pertencente á ZEC Costa Mariña Occidental, requiriu do apoio dun equipo de mergulladores, que unha vez desprazados ata o punto escollido para a repoboación, depositaron as pedras no fondo mariño.
A conselleira explicou que coa de hoxe, xa son catro as zonas restauradas no litoral galego mediante a aplicación desta técnica —anteriormente actuouse na ZEC Costa da Vela, no Morrazo; na ZEC Ons-O Grove; e na ZEC Complexo Húmido de Corrubedo—, quedando pendentes as repoboacións nas ZEC Costa Ártabra e Ortigueira-Mera, previstas en ambos casos para o próximo mes de setembro.
Todos estes espazos foron escollidos pola necesidade de reforzar as poboacións existentes de kelp e tras terse constatado evidencias de que a especie está en declive nestas zonas. Ao respecto, Ángeles Vázquez avanzou que as primeiras algas sementadas na costa galega xa están crecendo e aínda que é pronto para facer unha valoración completa, si se pode concluír que o sistema de produción de laminarias funciona.
Cómpre subliñar que o retroceso dos bosques de kelp é un problema que se dá a nivel mundial debido ao cambio climático e a outras presións que afectan á especie, como a recolección, a contaminación, a sobreexplotación pesqueira (a falta de peixes herbívoros favorece o aumento doutras algas competidoras) ou a expansión de especies invasoras.
Este proxecto axudará a reforzar e recuperar as poboacións de kelp atendendo ao papel clave que xogan na loita contra o cambio climático, como sumidoiro de carbono natural, e a que tamén son o hábitat doutros organismos, actúan como base de ecosistemas mariños e axudan a protexer as costas da erosión e a manter a calidade da auga.