Os senadores do PP por Lugo renovan a cabalgata para reclamar todo e todo á vez. Utilizan o Senado de maneira fraudulenta enganando aos lucenses. Algunhas das mocións que presentan déixanas no caixón e sempre se negan a acordar con outros partidos todo o que mellore o que eles presentan. Á longa lista de meteduras de pata, que vai en aumento a medida que transcorre a lexislatura, engádese unha incoherencia galopante que os leva a manter calquera posición que sirva para atacar ao goberno de España.
Van prometendo todo o que nin fixeron nin reclamaron cando o PP gobernou España; é dicir todo o que deixaron pendente porque co goberno de Rajoy a provincia de Lugo non avanzou nin un só paso nas súas infraestruturas. Moi ao contrario, paralizáronse todos os proxectos que tiveron que ser reactivados cando foron desaloxados do poder por unha Moción de Censura.
Agora esixen un novo acceso de Ribadeo á A8 e o que deberían responder é porque non o fixeron, nin o pediron, cando gobernaron. De igual modo, esixen a ampliación de permisos de maternidade ou a contratación de inmigrantes pola Xunta cando o seu partido se alía coas posicións da extrema dereita que expón a expulsión de 8 millóns de inmigrantes e discrimina ás persoas segundo a súa orixe ou credo relixioso.
Esta ofensiva disparatada ten unha gravísima limitación; nunca reclaman nada que sexa responsabilidade da Xunta de Galicia. Aos senadores do PP non se lles viu o pelo nun dos centros de saúde que permanecen colapsados pola incapacidade do goberno galego. En nada lles importan as carencias sanitarias que tan gravemente están a afectar aos habitantes da Mariña de Lugo. Como tampouco se lles viu reclamar que Viveiro deixe de estar illado por dous das súas vías máis importantes responsabilidade da Xunta; a que debese ser xa a VAC Costa Norte cara a Ortigueira ou a LU 540 a Cabreiros que tan perigosa é para a condución.
Todo lles serve para disparar contra o Goberno utilizando a maioría absoluta no Senado de maneira torticera coa única intención de aparecer nos medios. Pero o que xa é evidente, tras as cabalgatas habituais, é que nada do que fan achega unha soa utilidade a calquera cidadán da provincia de Lugo.
César Mogo
Senador socialista por Lugo