Ribadeo, 2 de agosto de 2025. O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración moi positiva da Festa do Percebe, que hoxe se celebrou en Rinlo: “foi un éxito de participación un ano máis”.
O evento desenvolveuse con normalidade. O rexedor tivo palabras de agradecemento “para a organización por todo o traballo que hai detrás dun evento gastronómico destas características, que promociona un produto do noso mar e unha forma de vida”.
Pola Festa do Percebe pasaron o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o deputado provincial Antonio Ameijide, que estiveron xunto ao rexedor e ás concelleiras Begoña Sanjurjo e Marta Saiz.
Javier Arias, participou explicou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, colabora na organización do evento, destacando o compromiso co apoio á economía desta localidade, na que destaca a calidade dos seus restaurantes, e á promoción dos produtos do mar.
A programación da xornada incliu a degustación de percebe fresco, preparado na carpa instalada na lonxa, e amenizada con música tradicional galega. Ademais, por terceiro ano consecutivo, estivo en funcionamento o Percebús, un servizo de transporte público gratuíto que facilita o acceso á festa desde Ribadeo, promovendo a mobilidade sostible e a seguridade dos asistentes.
O delegado Javier Arias destacou que “a Festa do Percebe de Rinlo é unha mostra do noso compromiso coa posta en valor dos produtos do mar galegos, a nosa tradición mariñeira e a dinamización das nosas vilas, especialmente nestas datas nas que nos visitan milleiros de turistas. A colaboración da Xunta é fundamental para consolidar este evento como unha cita de referencia no calendario gastronómico galego”.