Suporía unha notable mellora da mobilidade, redistribuíndo o tráfico e favorecendo a residentes, empresas, comercio e turistas con orixe ou destino á vila do Eo
Ribadeo, 12 de agosto de 2025. O Partido Popular presentou no Senado unha moción para forzar ao Goberno á execución dun segundo acceso a Ribadeo desde a A-8, en dirección a Asturias, unha reivindicación recorrente dos veciños desta localidade e dos municipios limítrofes sobre a que agora terán que tomar posición todos os grupos políticos.
Así o anunciaron os senadores populares lucenses -José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro- logo de reunirse co alcalde da localidade, Dani Vega, e con concelleiras do equipo de goberno local que levan tempo liderando esta demanda, “ante a que o Ministerio de Transportes fai oídos xordos”.
Vega destaca que dotar dun novo enlace á localidade desde a autovía do Cantábrico traería consigo múltiples vantaxes: “unha notable mellora de mobilidade e da seguridade viaria, ao redistribuír o tráfico con destino á vila ribadense, e indirectamente efectos positivos desde o punto de vista turístico” e en tempos de desprazamento para os residentes, empresas e negocios desa zona.
O segundo acceso desde a A-8 á altura da ronda de Vilaselán, a priori, non require obras de grande complexidade xa que existe unha rotonda de conexión coa que se podería facer eses enlaces: “só é preciso orzamento e vontade política, e vai sendo hora de que o Goberno de España invista en Ribadeo”, aclaran. Trataríase dun segundo acceso para o tráfico procedente de Galicia, xa que hai dous para os condutores que chegan desde Asturias.
DO CONSENSO AO COMPROMISO
Os senadores populares lembran que xa no seu momento formularon unha pregunta ao Ministerio de Transportes sobre a posibilidade de acometer esta obra pero o Goberno Sánchez respondeu que a descartaba, non tiña previsión, nin orzamento reservado con este fin.
Con todo, os populares agardan que o Ministerio de Transportes rectifique, tendo en conta que “esta non é unha demanda partidista, senón sobre a que existe un amplo consenso social e político, como demostra o feito de que xa no seu momento foi apoiada por todos os grupos políticos municipais: PP, BNG e PSdeG”, segundo subliña o alcalde, Dani Vega.
Desde o PP agardan “que ese consenso se converta agora en compromiso” a favor da execución dunha obra que contribuiría a dar aire fresco aos accesos actualmente existentes desde a autovía que soportan en moitas ocasións unha gran intensidade de tráfico e que en todo caso require de mellores comunicacións.
Os senadores esperan o voto favorable de socialistas e nacionalistas. E, en todo caso, sinalan que esta demanda se converterá nun mandato, “en deberes para o Goberno” grazas á maioría absoluta da que o PP goza no Senado.