Ribadeo, 9 de agosto, 2025. O próximo mércores 13 de agosto de 2025, ás oito da tarde na Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho de Ribadeo terá lugar a presentación do libro “As bocas cosidas”, de Marilar Aleixandre.
Organizada pola AVV O Tesón, con colaboración da Casa das Letras, a Editorial Galaxia e o Concello, contará coa presenza da autora, Marilar Aleixandre, académica de número da RAG, e entre outras moitas distincións, premio nacional de narrativa 2022 e premio San Clemente 2003, e do tamén académico, a máis de paisano, Lourenzo Fernández Prieto. Introducirá o acto Antonio Gregorio. O acto corresponderá a un formato de tipo conversa.
As bocas cosidas é o último libro de Marilar Aleixandre, novelado a partir dun episodio familiar. En xaneiro de 2010, ó pai da autora pedíronlle saliva para identificar un curmán, soterrado nunha fosa común, morto en 1947, guerrilleiro comunista, e descoñecido polas xeracións máis novas da familia: sobre a guerra, as bocas estaban cosidas.
Documentación e imaxinación desvelan o que as bocas cosidas non permitían coñecer, da adolescencia pasando pola súa actuación como partisano ata os campos de concentración. Unha vida envolta nunha sociedade, nunha época, e nuns episodios que inclúen a fame e a represión. O texto dá voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria.