A Mariña, 13 de agosto de 2025. Desde hoxe xa é posible inscribirse en calquera das 25 actividades que se desenvolverán na Mariña lucense entre o 25 de agosto e o 12 de outubro dentro dos coñecidos programas Obradoiros con corazón e Plans con corazón. Estas iniciativas, promovidas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, teñen como obxectivo fomentar o coñecemento da cultura local, achegar maior valor para a visita e a permanencia no territorio e dinamizar a actividade turística con propostas diferenciadas e de calidade. A nova edición destes programas foi presentada hoxe nun acto desenvolvido no obradoiro de cerámica de Lucía Catuxo, en Trabada, que participa nos dous programas de actividades.
Máis información e inscricións:
https://amarinalucense.gal/es/obradoiros-e-plans-na-marina
O acto contou coa intervención dos representantes institucionais, o alcalde de Trabada, Rubén García; a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López; a vicepresidenta da entidade, Ana Ermida; a xefa da Área de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez; e a deputada provincial de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas e alcaldesa de Burela, Carmela López. Tamén asistiron algúns dos guías e artesáns locais que participan nestes programas.
Na súa intervención a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López, salientou tamén a execución actual do Plan de Sostibilidade Turística que está permitindo avanzar cara a un modelo de turismo integrador e respectuoso. “O turismo é xa un factor claro de impulso da economía” apuntou, ao tempo que lembrou o importante esforzo que se está a facer para acadar un turismo máis sostible, “conscientes de que é esta a única fórmula de desenvolvemento interesante para un territorio”.
Obradoiros con corazón. Obradoiros creativos e participativos con artesáns
Nesta segunda edición, que terá lugar do 25 ao 30 de agosto, están programadas 9 actividades diferentes en obradoiros situados en Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Ourol. Será unha semana na que os participantes poderán practicar desde estampaxe ata artes escénicas, modelar pezas de barro, iniciarse no mundo da madeira, do coiro e da lá e coñecer artes e rituais antigos vinculados á cerámica. Trátase dun proxecto coordinado por Trivium Estratexias de Cultura e Turismo, que representa unha oportunidade única para desfrutar do verán na Mariña participando en experiencias creativas e afondando no coñecemento cultural da comarca a través de propostas enriquecedoras.
Os obradoiros que participan son Raíces Nómadas, Artesáns do Pasatempo, Esquina Atlántica, Lucía Catuxo, Otero Regal, Miratú, Madeira a man, O fantástico taller dos títeres e Estudo Estampa.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, referiuse a esta iniciativa como unha oportunidade única para “adentrarse na alma da Mariña a través dos mellores anfitrións”. E agradeceulles aos artesáns e artesás a súa participación, xa que permite “seguir ofrecendo actividades de valor e promovendo o carácter e a autenticidade da Mariña”, lugar ao que se referiu como o “recuncho infinito do Norte de Lugo que conserva a esencia de Galicia”.
Información e reservas: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-obradoiros-con-corazon
Plans con corazón. Rutas e visitas guiadas nos concellos da Mariña
Trátase dun programa que chega este ano á súa sexta edición cunha exitosa traxectoria e gran acollida. Entre o 5 de setembro e o 12 de outubro terán lugar 16 visitas e rutas guiadas nos 16 concellos que conforman o xeodestino. Son visitas realizadas por guías oficiais de Galicia, coñecedores do patrimonio local e tamén guías especializados en xeoloxía e ornitoloxía, que colaboran coa empresa Volta Montana para configurar este proxecto.
Unha iniciativa coa que amosar A Mariña como un destino atractivo e diverso, contribuíndo á desestacionalización do turismo xa que promove viaxes fóra dos meses de maior afluencia e ampliando o coñecemento do territorio a nivel local. Un proxecto para conectar coa esencia da Mariña e descubrir os seus recursos máis singulares.
Os guías oficiais serán Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías locais acreditados no SICTED na Mariña; ademais do guía especialista en xeoloxía Iván Rodríguez e o guía especializado en ornitoloxía Carlos Gil.
A vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Ana Ermida, foi a encargada de presentar todos os detalles deste programa, que abrangue diferentes percorridos, desde o litoral ata a Serra do Xistral; e temáticas, para descubrir o patrimonio arquitectónico, etnográfico, histórico e natural. Destacou as rutas relacionadas coa observación ornitolóxica e o xeoturismo, das que apuntou “estanse a revelar como dous grandes activos da Mariña para a práctica do ecoturismo” e subliñou o papel clave que xogan os guías locais como “expertos coñecedores do territorio” e dos anfitrións locais que “amosarán o seu amor polo territorio a través das súas experiencias vitais, dos seus oficios tradicionais e artesáns do seu espírito innovador ou da súa contribución á conservación e posta en valor dos produtos e recursos autóctonos”.
Información e reservas: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon





















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



