Ribadeo, 8 de agosto de 2025. Ribadeo investirá 100.000 euros en obras en estradas en Remourelle e Vilaframil. Os traballos, incluídos no Plan Avanza Rural e con cargo aos novos convenios asinados coa Xunta de Galicia para mellorar a rede viaria local, darán comezo nos vindeiro días.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “seguimos xestionando orzamento, neste caso seguimos investindo no Plan Avanza Rural, un plan que ten o obxectivo prioritario de mellorar as nosas infraestruturas, as nosas vías de comunicación, e desde logo neste caso vamos investir 100.000 euros en Remourelle e en Vilaframil. Estamos a falar en Remourelle, dun tramo de estrada con acceso a explotacións gandeiras e tamén a un núcleo de poboación e o que queremos é investir, mellorar infraestruturas que levaban moi abandonadas durante moito tempo e evidentemente isto temos que ir poñéndolle solución”.
O rexedor dixo: “cómo se fai? Primeiro, identificar cales son as prioridades. Segundo, xestionar o orzamento. Terceiro, planificar a inversión e concretala. Neste caso, o que estamos a facer xa é concretar o inicio das obras e nos próximos días melloraremos estes 2 puntos tanto en Vilaframil como en Remourelle. Vamos investir 100.000 euros e así nos próximos meses tamén vamos actuar en máis parroquias e en máis infraestruturas, que levan moito tempo abandonadas e así se pode contemplar o deterioro de todo o pavimento de moitas estradas”.
Vega subliñou: “actuamos xestionando, investindo e mellorando para que Ribadeo siga avanzando”.