Concentráronse diante da tenda da localidade en demanda de condicións laborais e salariais dignas
Ribadeo, 13 de agosto de 2025. Traballadoras e traballadores do Eroski-Familia concentráronse esta mañá diante do establecemento que a cadea ten en Ribadeo para denunciar a sobrecarga de traballo que padecen e reclamar salarios dignos. A mobilización insírese na campaña que a sección sindical da CIG vén desenvolvendo en demanda de condicións laborais e salariais dignas.
A campaña continuará nos vindeiros días con concentracións, o día 22 en Vigo e o 29 en Ribadavia e cunha mobilización, o 5 de setembro na Coruña, na que teñen prevista unha marcha até o central de Vegalsa. Xunto a isto, a sección sindical da CIG está facendo unha recollida de sinaturas entre o persoal para trasladar o seu malestar á dirección polas precarias condicións laborais e exixir solucións.
Denuncian a insoportábel carga de traballo que ten que asumir o persoal desta empresa xa que malia os beneficios millonarios, non se cobren nin as baixas, nin as vacacións, nin as licenzas e tampouco se aumentan os cadros de persoal, “obrigándonos a ter que realizar enormes sobre esforzos para poder sacar adiante a carga de traballo diaria”.
Problemas de saúde do persoal
Advirten que esta continua sobrecarga está provocando problemas de saúde no persoal, tanto a nivel psicolóxico como físico, cun elevado número de baixas por problemas muscoloesqueléticos e acadando “niveis de absentismo históricos”. Pero mentres as traballadoras e traballadores enferman “a empresa mira para outro lado, sen querer aplicar medidas para fomentar postos de traballo saudábeis”.
Ademais da sobrecarga, con esta campaña de mobilizacións, as delegadas da CIG tamén queren denunciar a precariedade laboral que sofre o persoal de Vegalsa-Eroski. Afirman que son as traballadoras “peor pagadas do sector do comercio de alimentación e soportamos unhas xornadas irregulares que complican moito a nosa conciliación familiar”.
A isto súmanse que a empresa lles fai devolver os 15 minutos de descanso durante a xornada diaria, que até hai uns anos computaba como tempo efectivo de traballo.
Outra das problemáticas que poñen enriba da mesa refírese as elevadas taxas de parcialidade na contratación. “Cobramos un salario miserento e dispoñen de nós ao seu capricho, a empresa non respecta os horarios e non permite así que poidamos buscar outro traballado para chegar a fin de mes”.
Por todo isto, a representación da CIG en Vegalsa-Eroski nas catro provincias acordou iniciar este calendario de mobilizacións para reclamar condicións laborais e salariais dignas.