Alfoz, 17 de setembro do 2025. Os concellos de Alfoz e Valadouro organizan a cuarta edición da Carreira Popular Valadouro Alfoz o vindeiro 4 de outubro coa colaboración da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O evento, que se celebra de maneira alterna entre os dous concellos veciños, está aberto á participación de persoas de diversas idades, con diferentes percorridos segundo a categoría: a absoluta percorrerá 6,5 quilómetros; infantil e cadete, 1,6 quilómetros; alevín, 1,2 quilómetros; benxamín, 600 metros; e os pícaros, 200 metros. A saída da carreira absoluta será dende diante da Casa da Cultura do Valadouro, cunha meta situada no entorno do pavillón de Alfoz . Pola súa parte, as categorías inferiores correrán arredor do parque municipal de Alfoz. Ademais, haberá unha andaina popular como parte da oferta.
Na presentación da carreira celebrada no día de hoxe estiveron Manolo Cadramón, Xefe dos Servizos Provinciais de Deportes da Xunta de Galicia; Dani García, deputado de Mocidade da Deputación de Lugo; José Manuel Lamela, Alcalde do Valadouro; Efigenia Maseda, Alcaldesa de Alfoz; Ana Rubal e Eliseo Lorenzo, Concelleiros de Deportes do Valadouro e Alfoz.
Con esta carreira as catro administracións apostan polo deporte para todas as idades. As inscricións seguirán abertas ata o día 1 de outubro.