Ribadeo, 3 de setembro, 2025. Os días 19, 20 e 21 e setembro de 2025 celebrarase no Salón de Alcaldes do Concello de Ribadeo a XX edición das Xornadas Mar por Medio, promovidas inicialmente polo hispanista británico John Rutherford e que organiza desde hai tres anos a Academia Xacobea, en colaboración co Concello de Ribadeo, a Secretaría Xeral da Lingua (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventide, Xunta de Galicia) e a Universidade de Santiago de Compostela.
A edición deste ano estará dedicada ao tema “Ribadeo, encontro de Camiños” para poñer de manifesto non só a tradición xacobea da vila de Ribadeo, porta de entrada a Galicia do Camiño Norte, unha ruta histórica declarada Patrimonio da Humanidade, senón tamén como lugar de acollida, encontro e dinamización de actividades relacionadas cos valores do Camiño de Santiago.
As Xornadas comezarán o venres 19 de setembro ás 18 horas cun saúdo do alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e do presidente da Academia xacobea, Marcelino Agís. Seguirá despois unha mesa redonda tituladas “Facendo Camiño”, na que participarán representantes da Xunta de Galicia, o Principado de Asturias, a Deputación de Lugo, as Universidades de Santiago de Compostela e Oviedo e o concello de Ribadeo.
O sábado 20 de setembro, a xornada contará pola mañá cunha mesa redonda, dedicada ao tema “Galicia e Asturias unidas polo Camiño” na que participarán profesores das Universidades de Oviedo e Santiago, e cunha conferencia de Manuel Valín, dedicada a glosar a historia destes 20 años das Xornadas Mar por Medio.
A tarde comezará cunha mesa redonda dedicada ao tema “A Peregrinación: Encontro de culturas. Os xubileo de Santiago, Roma e Xerusalén” e concluirá coa conferencia “O Camiño de Santiago como modelo de turismo rexenerativo”.
Ademais das actividades académicas destacan os actos musicais e lúdicos integrados no programa: O concerto de Manoele de Felisa, ao finalizar a sesión do venres; o da Coral de Ribadeo ao finalizar a tarde do sábado e o Roteiro Cultural “Tras os pasos da Orde Franciscana”, que comezará ás 10 da mañá do domingo.
A inscrición nas xornadas estará dispoñible na páxina web da Academia Xacobea entre os día 8 e 18 de setembro.