O percorrido, de 147 quilómetros, pasará por estradas de Ribadeo, A Pontenova, Riotorto e Trabada
Lugo, 2 de setembro de 2025. O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o deputado de Mocidade Daniel García e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida asistiron esta maña á presentación da 23ª Volta Ciclista a Galicia, que se celebrará do 11 ao 14 de setembro e que disputará a terceira etapa -o 13 de setembro – na comarca da Mariña.
Barreiros será o epicentro deste etapa de 147 quilómetros, con saída e meta na Praza do Concello, en San Cosme, e paso por estradas de Ribadeo, A Pontenova, Riotorto e Trabada con tres portos de segunda categoría -Augaxosa, Fórnea e Monte Comado- e outro de terceira categoría -Marco de Alvare-
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa Federación Galega de Ciclismo na organización desta proba que reúne os mellores corredores das categorías Élite e Sub-23, que preparan o salto ao ciclismo profesional.
Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovamos o apoio á Volta a Galicia, apostando de novo polo ciclismo como plataforma para amosar a riqueza natural e patrimonial da provincia cun percorrido que se centra este ano nos concellos da Mariña”.
O vicepresidente destacou tamén que “o apoio á proba pretende contribuír ao fortalecemento dunha estrutura deportiva que fomente a práctica desta modalidade e que ofreza aos ciclistas e ás ciclistas do país un itinerario de crecemento competitivo”
A alcaldesa de Barreiros sinalou que “este tipo de citas non só nos sitúan no mapa deportivo, senón que tamén supoñen unha oportunidade para dinamizar o noso concello, dando a coñecer a nosa contorna e o noso potencial como destino deportivo e turístico”.
A etapa pola Mariña será a máis longa da rolda galega, que comeza o 11 de setembro cunha contrarreloxo en Ribadumia e que contará con outras dúas etapas en ruta, en Caldas de Reis, o 12 de setembro, e Ferrol, o 14 de setembro.