Ribadeo, 1 de setembro de 2025. Iago Edrosa Fernández, de Ribadeo, é o gañador da viaxe a Gran Canaria sorteada por Acisa no marco da campaña de verán O noso comercio é vida, vive Ribadeo, que concluía onte.
Acisa clausuraba así a tempada estival, unha iniciativa que a entidade empresarial cualifica de éxito rotundo e que, en palabras da súa presidenta, Carmen Cruzado, supuxo “probablemente o peche da mellor tempada de verán desde hai 36 anos, os que ten de vida a nosa asociación”.
Cruzado Iglesias declarou: “desde Acisa Ribadeo estamos moi satisfeitos coa actividade comercial, hostaleira, hoteleira e de restauración vivida estes meses. Tivemos un verán de grandes vendas desde xuño, cando arrincaba o período estival, ata onte, que puxemos o broche de ouro co sorteo de 5 días de vacacións en Gran Canaria para dúas persoas, con todo incluído, como peche da nosa campaña especial. O gañador é Iago Edrosa Fernández, de Ribadeo, coa papeleta número 26.760, que lle foi entregada en Galipizza. Noraboa a Iago. Agardamos que disfrute do premio”.
O sorteo tivo lugar onte á tardiña no Cantón dos Moreno. No acto interviñeron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o alcalde ribadense, Dani Vega, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente, Jesús Pérez. Na entrega do premio participaron tamén Manoli Torviso e Trinidad Otero, directivas de Acisa, e as concelleiras Marta Saiz e Elena Sierra.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, detallou que “este sorteo puxo o punto e final a unha programación de 15 días que, por primeira vez, integrou múltiples actividades baixo unha mesma marca. Desde o 14 de agosto celebráronse tres edicións de Xoves Abertos, con horarios ampliados e ofertas especiais nas tendas; tres xornadas da Ruleta da Sorte, nas que se repartiron máis de 3.000 bolsas de algodón, 150 camisetas técnicas, 200 paraugas, 400 mochilas, 100 botellas de auga e 207 cuncas; e entregáronse de forma gratuíta aos socios 1.584 botellas de tinto de verán e 4.500 cervexas Estrella Galicia, que os clientes puideron gozar en bares e restaurantes a tan so un euro a partir das 20:00 horas dos xoves. A actividade incluíu tamén propostas de lecer para a rapazada, xa que máis de 2.000 nenos e nenas participaron nas actividades multiaventura, grazas aos multipases de Acisa. Repartíronse 30.000, que se converteron nun motor fundamental para dinamizar as compras e consumicións, xa que eran necesarios para poder acceder ás promocións, xogos e atraccións”.
Pérez Prada dixo: “estamos moi satisfeitos co éxito desta campaña, xa que cumpriu con creces cos seus obxectivos estratéxicos: atraer máis xente a Ribadeo, reforzar a nosa imaxe como destino turístico, comercial e gastronómico, aumentar as vendas, premiar a fidelidade da clientela, que confía no comercio local —tanto visitantes como veciñanza—, reforzar a nosa imaxe como sector dinámico e competitivo, poñer en valor a proximidade e a importancia de mercar no tecido empresarial da vila e, por último, afianzarnos como referente do comercio local, do turismo de calidade e da mellor gastronomía de Galicia. O datos falan por si sos, en tan só 15 días de campaña calculamos unha inxección económica extra de máis de 2,5 millóns de euros de facturación adicional para os negocios asociados a Acisa Ribadeo, unha cifra que se suma á xa extraordinaria actividade económica do mes de agosto”.
O xerente de Acisa engadiu que “a inversión realizada nesta campaña foi duns 65.000 euros. Trátase do maior financiamento por parte de Acisa para unha única campaña, que encheu de actividade Ribadeo durante dúas semanas. Esta actividade afianza a Acisa Ribadeo como unha institución indispensable na nosa localidade e como referente en toda Galicia do dinamismo económico e capacidade organizativa”.
A iniciativa estivo cofinanciada pola Dirección Xeral de Comercio, coa colaboración do Concello de Ribadeo, o patrocinio de Discosta Norte e Estrella Galicia, e contou co apoio doutras entidades e asociacións, como Agacal, a Praza de Abastos, o Xara Fest, o Vendaval Fest, a Comisión de Festas de Ribadeo e varios clubs deportivos: “quixemos implicar ao máximo aos principais sectores da nosa vila —a cultura, a gastronomía, as festas, a mocidade—, co obxectivo de ser unha campaña que chegara ao maior número de persoas posible, e creemos que o conseguimos”.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, agradeceu “o premio outorgado por a Xunta de Galicia no marco de proxecto O teu comercio é extraordinario, que nos permitiu desenvolver esta actividade, grazas á colaboración do Concello de Ribadeo, que aportou medios técnicos e materiais para lavala a cabo, grazas ao patrocinio das marcas Discosta Norte e Estrella de Galicia, e á colaboración de todas as asociacións e colectivos, que se sumaron a esta importante campaña, xa que sen todos eles seria imposible levar adiante todas estas actividades”.
E lembrou que: “a programación de O noso comercio é vida, vive Ribadeo incluíu tamén dúas edicións do Mercado de Rúa, dúas xornadas de Domingueo en Ribadeo, concertos estáticos e itinerantes polas rúas, as Xornadas de Degustación na Praza de Abastos, así como un obradoiro de comercio local para nenos, destinado a educar en valores de consumo responsable e apoio ao pequeno comercio, así como as actividades multiaventura, que contou cun deslizados xigante, que foi un reclamo e novidade en toda a contorna”.
Cruzado Iglesias tivo palabras de agradecemento para todo o tecido empresarial asociado: “grazas sobre todo aos comercios, aos bares e aos restaurantes pola súa implicación porque en plena tempada alta foron quen de repartir 30.000 multipases e 100.000 rifas para o sorteo da viaxe a Gran Canaria. Non foi tarefa fácil, pero entre todos fixemos que esta campaña fose un auténtico éxito. E grazas a toda clientela, de Ribadeo e da contorna e aos visitantes, por apoiar e confiar nos negocios locais asociados. Agardamos que o sigan a facer sempre”.
Balance do verán
No balance xeral do mes de agosto, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, fixo especial fincapé en que a combinación de actividades comerciais, hostaleiras, culturais e de lecer consolidou un verán absolutamente excepcional en Ribadeo, tanto en cifras de vendas como en proxección de imaxe da vila como destino turístico, comercial e gastronómico de referencia.
Segundo explicou: “os niveis de actividade alcanzados este ano non se lembraban desde había moito tempo. A ocupación hoteleira durante todo o mes mantívose por riba do 95% na maior parte dos establecementos, chegando ao completo en moita xornadas de agosto. Nos bares e restaurantes, o volume de reservas e consumicións foi tan elevado que en moitos casos houbo que reforzar persoal así como as quendas de comidas e ceas para poder atender a demanda. Calculamos que a facturación da hostalaría medrou entre un 10 e un 20% respecto a agosto de 2024, un incremento histórico que evidencia o tirón turístico da vila e a excelencia gastronómica de Ribadeo”.
No comercio local tamén se rexistraron cifras excepcionais: “moitas tendas asociadas informaron que superaron en máis dun 30% as vendas do mesmo período do ano anterior, coa roupa de tempada e os artigos de rebaixas esgotándose moito antes do previsto. O paso constante de visitantes polas rúas e o éxito de iniciativas como o Mercado de Rúa ou os Xoves Abertos supuxeron un fluxo continuo de clientes, tanto de veciñanza como de turistas, que converteron a Ribadeo nun auténtico centro comercial a ceo aberto”.
Carmen Cruzado indicou que “este agosto marcou un fito para a nosa vila. Ribadeo viviu un mes con cifras de vendas, reservas e movemento comercial que non se vían desde hai moito tempo, situándonos como un dos destinos máis dinámicos e atractivos de Galicia. É un éxito colectivo, resultado do esforzo conxunto de hostaleiros, comerciantes, hoteleiros e de todas as persoas que traballan cada día para que Ribadeo sexa un lugar vivo e con futuro”.
Perspectivas para setembro e outubro
Pérez Prada manifestou que “tras o peche da tempada estival, a asociación ponse xa en modo volta ao cole e ten programadas novas actividades para os meses de setembro e outubro. O obxectivo é continuar ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes propostas atractivas que fagan máis levadeira a volta á rutina, reforzando o compromiso de Acisa coa dinamización económica e social da vila durante todo o ano. Aínda que agosto é o mes de maior afluencia, setembro e outubro son meses cada vez máis relevantes para o tecido económico de Ribadeo, xa que atraen a un perfil de turista distinto: visitantes de estancias máis longas, que viaxan sen a presión do tempo, con maior tranquilidade e cun poder adquisitivo medio-alto, o que repercute de maneira directa no comercio, na hostalaría e na restauración. Trátase dun público que adoita buscar experiencias gastronómicas, compras de calidade, visitas culturais e un lecer máis relaxado, e que se converten nun aliado perfecto para manter a actividade económica tras o pico do verán”.
Cruzado Iglesias engadiu que “as previsións que manexa Acisa para as vindeiras semanas son moi positivas: estímase que a ocupación hoteleira poida situarse entre o 70 e o 80% en setembro. No comercio e na hostalaría espérase un mantemento das boas cifras acadadas no verán, aínda que cun gasto medio por cliente superior, xa que este tipo de turista tende a consumir con máis calma, probar máis a oferta gastronómica e investir en produtos de proximidade e calidade. Neste contexto, Acisa Ribadeo xa traballa nun calendario de accións que incluirá novas campañas de promoción do comercio local, actividades de dinamización gastronómica e accións de fidelización de clientes. A meta é clara: prolongar a vitalidade económica de Ribadeo máis alá do verán, consolidando á vila como un destino atractivo durante todo o ano, tanto para a propia veciñanza como para quen nos visita no outono, no inverno ou na primavera”.





















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



