O Valadouro, 4 de setembro, 2025. O goberno local do Valadouro defende a súa “total disposición a colaborar con todas as asociacións de veciños, sen discriminacións”.
O alcalde, José Manuel Lamela, volveu recalcar no último Pleno o mesmo que xa explicara no momento da aprobación dos presupostos e tamén noutro Pleno posterior sobre as axudas ás asociacións: “o Concello terá en conta todas as solicitudes, pero é necesario que as asociacións presenten unha memoria ou proxecto do que pretenden facer” incluíndo un orzamento estimado. Así, o goberno local comprométese a estudar todas as solicitudes das asociación de veciños e reservar partidas nos orzamentos do ano seguinte para apoiar os seus proxectos.
As subvencións de calquera administración xa sexan dirixidas a outra administración, colectivo, empresa ou particular teñen que ser xustificadas. “O anterior goberno reservaba cartos para as asociacións, pero non eran capaces de xustificar en que os gastaban e foi necesario concederlles prórrogas para que non os perdan. O que estamos facendo é intentando traballar con responsabilidade”.
O alcalde tamén explica que “se concederon subvencións ás asociacións que tiñan solicitado, a de Vilacampa e a do Cadramón”. E, ademais, tamén se está atendendo á asociación de Santa Cruz -da que forma parte o señor Chao- que solicitou unha porta. Lamela apunta, ademais, que “o BNG volve esquecer unha asociación”, a da parroquia de Alaxe.
En canto ás pistas que precisan arranxo, no caso de ser de titularidade municipal correspóndelle ao Concello. E o goberno local está a escoitar as peticións dos veciños e asegura que “se irán facendo en canto se vaia podendo”.
PUNTO LIMPO
O goberno local non pode entender que o BNG reclame agora o que non fixo en 11 anos no goberno. “Tiveron moito tempo de instalar electricidade nas instalacións do punto limpo. Incluso construíron cerca unha nave para tiro con arco que dispón de alumeado, polo que tiveron ocasión de estender a rede eléctrica con facilidade”, expoñen.
Do mesmo xeito, lembran que o BNG estaba no goberno municipal no momento que había que solicitar o punto limpo móbil. “Tiveron oportunidade de solicitalo. Agora hai que agardar a convocatoria de novas subvencións”.
Tamén aclaran dende o goberno municipal que “no verán se incrementa a poboación e xéranse máis residuos” como ten sucedido nos últimos anos con goberno socialista. Con todo, “o servizo funciona sempre que se pode e recollendo o máis rápido posible”.