Foz, 3 de setembro de 2025. O mes de setembro comeza con novas actividades no concello de Foz: as charlas San Martiño no Camiño, teatro amador na Casa da Cultura e a festa da Peregrina en Cordido.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “a cultura non para en Foz. Despois dun verán de intensa actividade o mes de setembro comeza tamén con múltiples opcións para os amantes do patrimonio, a historia, o teatro e como non, a festa. Estamos encantados de que aínda que xa vexamos próxima a finalización do verán a actividade cultural siga presente en Foz. Este é só o comezo dunha programación de outono que ven cargada de actividades, en colaboración con asociacións, AGADIC, a Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Foz elaborou un completo programa de outono que se publicará en breve e que trae actividades para todos os gustos”.
Este venres dan comezo no Centro de Interpretación de San Martiño as charlas San Martiño no Camiño. A primeira versará sobre A Orde de Montegaudio en Galicia: O monxe guerreiro chegado de Terra Santa que fixo tremer o bispado de Mondoñedo, a cargo de Alberto Paraje Méndez, arquitecto técnico e secretario da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, natural de Ribadeo e investigador e divulgador de historia local, autor de diferentes artigos e monográficos sobre Ribadeo. Á charla será ás 19.00 horas na Sala Multiusos Queralt do Centro de Interpretación de San Martiño.
Este venres, 5 de setembro, tamén comezará o Circuíto de Teatro organizado por Pico do Castro e Fegatea en Foz. Todos os venres do mes na Casa da Cultura ás 20.00 horas poderase desfrutar do mellor teatro afeccionado. O prezo da entrada será de tres euros. A primeira obra é Rutinas, da compañía Max Teatro.
E tamén chegan as festas patronais da parroquia de Cordido, que esta fin de semana celebran a Festa da Peregrina, o sábado 6 con misa e sesión vermú a partir das 13.30 horas coa orquestra Alianza e verbena con Alianza e La Rosa; e o domingo 7 de setembro a partir das 13.30 horas haberá misa e sesión vermú coa orquestra Acordes, que tamén actuará pola noite verbena. Xa a vindeira fin de semana, o 13 de setembro, organizan a súa gran sardiñada acompañados do dúo Belinda.
“Foz non deixa de estar cheo de eventos aínda que o verán quede atrás; a cultura é prioritaria”, destaca o alcalde de Foz, Fran Cajoto.