Decenas de veciños viron a carreira dos 1.500 metros, na que rematou oitavo, no salón de plenos da Casa do Concello
Viveiro, 17 de setembro de 2025. Viveiro viviu con especial atención a participación do atleta Adrián Ben no Mundial de atletismo, competición na que acadou a oitava posición na final dos 1.500 metros. A veciñanza puido seguir en directo a carreira desde o salón de plenos da Casa do Concello, nun ambiente cargado de emoción e orgullo compartido.
A alcaldesa Mariña Gueimunde destacou o sentimento común de apoio ao atleta: «Adrián é un exemplo para toda a mocidade de Viveiro e de Galicia. Estamos moi orgullosos do seu esforzo, da súa traxectoria e da súa maneira de representar o noso Concello no máis alto nivel do deporte internacional».
O Concello de Viveiro quere agradecer tamén o apoio de todas as persoas que se achegaron para vivir xuntas este momento e reitera o seu compromiso co apoio ao deporte local e ás figuras que, como Adrián Ben, son un referente para a comunidade.