Permitiranse novas plantacións para substituír aquelas xa existentes, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas ou frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75% do eucalipto que había na inicial
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025. A Xunta ampliará ata o 2030 a moratoria do eucalipto, acompañando esta decisión dunha serie de medidas de flexibilización para favorecer a sustentabilidade do sector forestal galego, aumentar a produtividade e loitar contra o abandono. Así o explicou esta tarde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo; e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.
Desta forma, segundo indicou Gómez, reforzarase a aposta da Xunta por impulsar unha maior produtividade das plantacións de eucalipto, co fin de producir máis e mellor en menor superficie, pero procurando un equilibrio do recurso que favoreza un sector forestal sustentable, tanto desde o punto de vista económico como social e ambiental.
As medidas de flexibilización quedarán recollidas na Lei de medidas que acompaña aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026. En primeiro lugar, permitiranse novas plantacións de eucalipto para substituír aquelas xa existentes, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas ou frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75% do eucalipto que había na inicial. O outro 25% debe ser obrigatoriamente completado por coníferas ou frondosas.
Cómpre aclarar, tal e como sinalou a conselleira, que esta posibilidade xa existía actualmente, pero a partir de agora introdúcense dous cambios fundamentais: establécese unha porcentaxe específica para esa nova repoboación e, a maiores, permítese que se poida alcanzar un acordo entre titulares diferentes.
“É dicir, do que estamos falando é de que, como ata o de agora, se poidan levar a cabo substitucións das masas de eucalipto, especialmente daquelas máis degradadas como marca o Plan Forestal, para incrementar a súa produtividade; e, ao mesmo tempo, favorecerase que, ou ben o mesmo titular ou ben entre titulares diferentes, poidan redistribuír as plantacións por outras zonas do territorio nas que estea permitido segundo a lexislación sectorial correspondente, pero con menos superficie”, aclarou.
Apoio ante as enfermidades do piñeiro
Outra medida de flexibilización centrarase en favorecer unha alternativa para aqueles propietarios de plantacións de piñeiro (Pinus radiata) gravemente afectadas pola banda marrón. Así, durante unha quenda de corta, permitirase a plantación de eucalipto nun máximo do 50% da superficie de piñeiro eliminada, debendo reforestarse o outro 50% restante con calquera especie de coníferas ou frondosas permitidas. Despois da quenda de corta, a persoa titular queda obrigada á plantación de coníferas ou frondosas.
Trátase dunha medida puntual, explicou Gómez, para dar solución a unha situación excepcional provocada por un problema fitosanitario grave, como é a banda marrón. A maiores, “desde a Consellería seguiremos actuando para frear o avance desta enfermidade no piñeiro, axudar a tratala e investigar sobre posibles melloras xenéticas resistentes a ela, cun investimento de 1,4 millóns de euros”, destacou.
Plan Forestal de Galicia
Asemade, a titular de Medio Rural trasladou que este paquete de medidas reforzarase con outras encamiñadas a consolidar as previsións e obxectivos do Plan Forestal. Así, fomentarase a eliminación dos eucaliptos da Rede Natura que sexan posteriores á regulación que os prohibe nestes espazos e tamén se intensificará a erradicación desta especie nas faixas secundarias, as más próximas ás vivendas, consonte ao reforzo do convenio de defensa das aldeas asinado coa Fegamp e a empresa pública Seaga. A maiores, recordou que a Xunta seguirá fomentando as frondosas e as coníferas, como o vén facendo dende hai xa tempo.
En resumo, o obxectivo desta nova proposta sobre a ordenación forestal do eucalipto é que os propietarios poidan producir máis e mellor, pero en menor superficie. Tal e como remarcou a conselleira, trátase de “conseguir o máximo aproveitamento forestal do recurso ao mesmo tempo que se segue protexendo e diversificando o monte e se loita contra o abandono.”






















Afectarán aos seguintes servizos: Piscina: pechada. Duchas dos vestiarios: pechadas. Ximnasio e actividades en seco: abertos no horario habitual. O Concello agradece a comprensión da cidadanía.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.



