Dificultoso clásico para un Burela errático que as penaliza nos primeiros 25 minutos, logrando manterse nos últimos 15
Burela, 4 de outubro, 2025. O gran clásico do futsal feminino español, un encontro entre dous eternos rivais, tivo lugar esta tarde de sábado en La Estación de Navalcarnero. O xove Burela, coa reincorporación de Gabi, que aínda non xogara dende a primeira xornada desde a que carrexa unha aparatosa lesión nas cervicais, tívose que enfrontar a un veterano e moi físico Futsi, aínda que cunha plantilla curta, na súa cancha, cun resultado final 9-3. Dominio claro das locais durante todo o partido no que ás mariñás custoulles moito crear oportunidades. Un Burela achicado durante os primeiros 25 minutos tivo bos momentos durante os últimos 15, nos que a pesar dun doloroso inicio da segunda parte, encaixando 4 goles nos primeiros minutos, logran manter o marcador e anotar un gol no que queda de encontro.
Arrinca o encontro ás 18.00h e comeza moi cómodo o partido para o Futsi, sen presión do Burela con varias paradas de Ana Eliza no primeiro minuto, ata que chega o gol no mesmo minuto 1, Irene Córdoba remata un saque de esquina desde a frontal aproveitando un desaxuste defensivo do Burela. Primeira opción do conxunto laranxa no minuto 4 no que Cris Blanco roza o segundo pau nun disparo cruzado. Tras un pau das locais, Silvia Rubal logra o empate, recuperando o balón a media cancha, chegando soa a portería e coándolla entre as pernas a Marta Balbuena. Paradón de Ana Eliza a un disparo raso de Ari no 8 e chega o segundo das locais, un disparo cruzado de Laura Córdoba desde a área tras un pase de Leninha. Dispara Luchi no 10 despexando Ana Eliza a córner e chega o terceiro nunha perda en propia cancha das visitantes que aproveita Laura Córdoba anotando desde a área. Sálvaa Marta Balbuena tras outra recuperación de Silvia e non chega Gabi a rematar unha deixada da capitá tras un bo pase longo de Cris Blanco. Chega o 4-1 no minuto 15, un golazo de María Sanz que se vai da defensa burelense e anota cun disparo moi escorado ao segundo pau. Pau de Luchi no 17 e tempo morto para o Burela, que sae con xogo de 5, con Lara de porteira-xogadora, e que salva o quinto tras unha perda moi perigosa do conxunto mariñán na primeira presión. Primeira falta do partido no minuto 18 e a lanza Laura Córdoba cun potente disparo que salva Ana Eliza sacándoa por encima da portería. Chega o quinto, o triplete de Laura Córdoba que aproveita un balón ao pau de Eli e no último minuto deste primeiro tempo consegue o segundo o Burela, un gol en propia porta de Laura Córdoba que se tropeza co balón rematando un disparo de Silvia Rubal.
Segunda parte dolorosa para o Burela que encaixa 4 goles nos primeiros 4 minutos, dous no primeiro, un de Irene Córdoba dende a frontal, o segundo de María Sanz tras un balón ao pau que recolle e lle coloca Irene Córdoba e dous de Ari, o primeiro cun disparo frontal raso e o segundo rematando desde a área un pase de María Sanz. Sae con xogo de 5 o Burela, con Irene de porteira-xogadora, case a ten Lara no minuto 25 e logran manterse durante algúns minutos na área rival. Sálvaa Sandra nunha chegada de Martita pola banda e despexa Bea un disparo escorado da burelense na seguinte xogada. Non chega Eli a rematar un balón ao segundo pau de María Sanz no 31 e lánzaa por encima do traveseiro Martita na seguinte xogada. Recupéraa Silvia Rubal no 38 pero non logran entenderse Mara e Laura Barranco que acaba lanzándoa moi lonxe da meta madrileña. Volve a recuperala a capitá que corre pola banda e dispara ao primeiro pau, pero despéxaa Bea a córner. Paradón de Lola que salva un remate de Rocío nunha boa combinación con Leninha. Volven ao xogo de 5 as de Belén Feal e consegue anotar o terceiro Lara, que recibe por dentro sorprendendo á defensa madrileña e anotando cun disparo frontal desde o bordo da área. Grandísima intervención de Lola que salva en dous tempos dous disparos consecutivos de Eli no minuto 38 e outras dúas no 39, un disparo de Martita que desvía coa man e un dobre penalti na sexta falta do Burela. Remata fóra Lara buscando o pau longo e volve tentalo Sandra atopándose con Bea a 12 segundos do asubío final. De novo dobre penalti para o Futsi tras a sétima falta do Burela e volve despexala Lola, o que será a última ocasión do partido.
Ficha Técnica Futsi Atlético Navalcarnero 9-3 CD Burela FS
Futsi (9): Marta Balbuena; Ari, Laura, Irene, María Sanz -quinteto inicial-, Leninha, Luchi, Rivera, Eli, Bea (P), Martita, Rocío.
Burela FS (3): Ana Eliza; Cris Blanco, Silvia Rubal (C), Lara, Irene -quinteto inicial-, Laura Barranco, Gabi, Sandra, Marina, Lola (P), Mara.
Goles: 1-0, min. 1: Irene Córdoba. 1-1, min. 4: Silvia Rubal. 2-1, min. 7: Laura Córdoba. 3-1, min. 11: Laura Córdoba. 4-1, min. 15: María Sanz. 5-1, min. 19: Laura Córdoba. 5-2, min. 20: Laura Córdoba (PP). 6-2, min. 21: Irene Córdoba. 7-2, min. 21: María Sanz. 8-2, min. 23: Ari. 9-2, min. 24: Ari. 9-3, min. 36: Lara.
Árbitros: Judith Fraiz, Jorge Moreno e David Sánchez
Incidencias: Viron tarxeta amarela, por parte do equipo visitante, Sandra.





















O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándio Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.



