A Mariña, 14 de outubro de 2025. Máis de 300 persoas participaron este ano nos programas Obradoiros e Plans con Corazón da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. As iniciativas desenvolvidas contribuíron a ampliar a oferta de actividades de turismo de natureza, cultural e activo dende finais do verán ata ben entrado o outono, profundando así no coñecemento do territorio e na súa idiosincrasia e promovendo viaxes e escapadas á Mariña fóra de tempada.
Esta fin de semana rematou a campaña Despide o verán na Mariña. Obradoiros e Plans con Corazón, unha iniciativa que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense puxo en marcha coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.
A segunda edición de Obradoiros con Corazón, que tivo lugar do 25 ao 30 de agosto, permitiu aos asistentes disfrutar do final do verán a través de 9 experiencias creativas para conectar en primeira persoa co mundo da artesanía na Mariña da man dos propios artesáns que manteñen vivos distintos oficios tradicionais no territorio. Neste programa os participantes puideron practicar desde estampaxe ata artes escénicas, modelar pezas de barro, iniciarse no mundo da madeira, do coiro e da lá e coñecer artes e rituais vinculados á cerámica. Nel participaron un total de 71 persoas, quedando outras 62 en lista de agarda, o que pon de manifesto o interese de visitantes e poboación local en actividades que reforzan a conexión coa esencia do territorio.
O 100% dos enquisados valoraron a iniciativa no seu conxunto coa máxima puntuación de 5 estrelas. Así mesmo, o 100% repetirían a experiencia e/ou a recomendaría a outra persoa opinando, así mesmo, que o programa Obradoiros con Corazón debería ter continuidade no tempo.
Pola súa banda, Plans con Corazón, que este ano chegou á súa sexta edición, ofreceu un programa de 16 rutas e visitas guiadas durante o mes de setembro e ata este pasado domingo, 12 de outubro. Os participantes puideron gozar dunha ampla variedade de propostas de ecoturismo coas que coñeceron a riqueza natural e cultural dos 16 concellos do xeodestino a través de percorridos guiados por Guías Oficiais de Turismo expertos coñecedores do patrimonio local, e de especialistas en ornitoloxía e xeoloxía. Na maioría de actividades participaron ademais anfitrións locais que amosaron o seu amor polo territorio e as súas iniciativas para a conservación dos produtos e recursos autóctonos.
Plans con Corazón ofreceu unha ampla variedade de propostas con percorridos por contornas urbanas ou espazos rurais, tanto do litoral como de montaña, chegando ata os cumios máis elevados da Serra do Xistral. As súas temáticas abarcaron dende o ámbito cultural, a través da descuberta do patrimonio arquitectónico, etnográfico ou histórico da Mariña; ata o natural con percorridos por diversos hábitats de gran valor ecolóxico, espazos de gran relevancia xeolóxica e destacadas zonas de observación de aves.
Desde a súa posta en marcha, o programa de rutas e visitas guiadas, conta cun elevado grado de aceptación e satisfacción chegando a acadar nesta edición un total de 249 participantes chegados tanto de toda A Mariña como do resto da provincia de Lugo (Cospeito, Castro Riberas de Lea, Lugo, Monforte e Vilalba); das provincias de A Coruña (A Coruña, Miño, Oleiros e Santiago de Compostela); de Ourense (Barbadás e Ourense) e de Pontevedra (Vigo); así como de Asturias (La Caridad), León (Ponferrada), Madrid,Valencia (Tabernes Blanques) e Zaragoza.
Rocío López, Presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña manifestou que, “o 100% das persoas que responderon a enquisa de satisfacción ata o momento, consideran que Plans con Corazón dinamiza a oferta turística cultural e de natureza, opinando ademais que o programa debería ter continuidade no tempo. Así mesmo, o 92% dos asistentes valoraron como moi bos tanto os roteiros como as explicacións dos guías. Estes aspectos reafirman a idoneidade desta campaña como dinamizadora da oferta turística da Mariña”.
Os ingresos obtidos a través das reservas foron destinados no caso de Obradoiros con Corazón, a accións de promoción da marca A Mariña Artesá, entre elas a elaboración de delantais para o uso polos propios artesáns. No caso de Plans con Corazón, serán destinados a unha iniciativa sostible no territorio relacionada coa recuperación ambiental.
En palabras de Rocío López, “estas iniciativas contribúen a amosar A Mariña como un destino atractivo e diverso, animando a veciños e visitantes a descubrir os seus recursos máis singulares, ampliando o coñecemento do territorio e favorecendo o orgullo de pertenza”. E quixo agradecer ás persoas participantes o interese amosado e aos guías, artesáns, anfitrións locais e empresas colaboradoras o seu traballo porque “grazas a todos eles podemos seguir ofrecendo actividades de valor e promovendo o carácter e autenticidade da Mariña”.






















Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándio Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.
O distintivo, concedido por ADEAC, recoñece a excelencia ambiental e a xestión sostible do territorio.En 2026 o programa acada cifras récord, con máis de 1.200 km de sendeiros en 154 municipios. A senda franquía destaca pola súa calidade paisaxística e ambiental, ao unir Castello e Porcía a través de acantilados, praias e espazos de alto valor ecolóxico. Este recoñecemento reforza o compromiso de El Franco cun modelo que combina conservación, educación ambiental e turismo sostible, situando o concello na rede estatal de itinerarios de excelencia. A entrega oficial das bandeiras será o 6 de marzo no Castelo de Cullera.



