O delegado supervisa novas melloras no Miradoiro das Carrallas e na senda peonil das Aceas
Ribadeo, 28 de outubro de 2025. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, exemplificou hoxe en Ribadeo o “esforzo continuado do Goberno de España no litoral lucense”, que nos últimos anos leva suposto máis de 6 millóns de euros de investimento en proxectos de conservación, recuperación ambiental e mellora da servidume de tránsito nas infraestruturas da Mariña, “para preservar un dos nosos maiores tesouros: a costa galega”.
O delegado desprazouse este martes ao municipio para supervisar o resultado das obras do novo Miradoiro das Carrallas, que completa o paseo que une o núcleo urbano co faro da Illa Pancha; e os traballos da nova senda peonil das Aceas, que executa dende o verán o servizo Provincial de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Fíxoo acompañado da subdelegado na provincia, Olimpia López; o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; o xefe da demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil, e parte da corporación municipal.
“Estas actuacións, que contan cun investimento de case 700.000 euros, están orientadas a poñer en valor o noso litoral e garantir a súa conservación para as xeracións futuras”, destacou Pedro Blanco que puxo en valor a sensibilidade do Goberno “coa provincia e coa protección do medio mariño e do noso patrimonio natural”. Nesta liña, informou que estas intervencións se realizan con respecto pola contorna, coa vontade de recuperar espazos para o uso público e de garantir que o desenvolvemento se faga sempre da man da sustentabilidade. “Esa é a folla de ruta do Goberno de España e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico”, engadiu.
Durante a visita, o delegado do Goberno fixo mención a outra actuación de gran importancia para Ribadeo e toda a comarca, a mellora e renovación da traída de auga, que vén de licitarse cun orzamento de máis de 7,4 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos FEDER. “Unha mostra máis do impulso do Goberno para a transformación dos municipios a través da mellora das súas infraestruturas”.
“Investimos no territorio, melloramos a calidade de vida da cidadanía e facémolo sempre con respecto pola paisaxe e polo medio natural. Iso é o que estamos a facer en Ribadeo e en toda a costa lucense, e ese é o camiño que imos seguir”, salientou Pedro Blanco.
Miradoiro das Carrallas e senda das Aceas
As obras no Miradoiro, finalizadas hai unhas semanas, foron coidadas ao detalle, con materiais respectuosos coa contorna e integrada nun espazo pertencente á Rede Natura 2000. Destináronse preto de 37.000 euros para dar continuidade a un itinerario que “hoxe é un dos principais atractivos paisaxísticos de Ribadeo, e que se converteu nun referente de turismo sostible e de calidade”, recalcou o delegado.
Por outra banda, o proxecto da nova senda peonil das Aceas, está en marcha desde o verán, cun investimento de máis de 650.000 euros, que permitirá conectar a contorna das Aceas coa antiga vía do tren mineiro, “converténdoa nunha auténtica vía verde ao servizo da veciñanza e das persoas visitantes”. Ademais, esta senda de 920 metros contribúe á recuperación ambiental da enseada da Vilavella, incorporando un observatorio de aves e zonas de descanso que poñen en valor a riqueza natural deste espazo.
Valoración desde o Concello
Ribadeo agradece a visita realizada hoxe polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, ao que o alcalde, Dani Vega, lle reclamou un segundo acceso desde a A-8 e outro directo á variante pola estrada de Vilela.
O rexedor declaru: “valoramos a visita do delegado do Goberno a Ribadeo de forma positiva. Creemos que todas as inversións que se están facendo e concretando por parte do Estado en Ribadeo teñen un obxectivo claro, é que siga Ribadeo avanzando. E dende logo, eu agradézolle ao delegado do Goberno e tamén á subdelegada que acudiran a Ribadeo no dia de hoxe para explicar e informar sobre todas as inversións que estamos tendo dentro desa colaboración entre o goberno do Estado, a Xunta e tamén o Concello. Esa é a forma, a colaboración permanente entre as administracións, en definitiva, que beneficie directamente a cada veciño de Ribadeo, e non entrar en polémicas que creemos que son absurdas. Hai que entender que as administracións están para investir e os políticos, os responsables que estamos a cargo delas, estamos para xestionar o máximo posible”.
Vega subliñou que “grazas a esta colaboración entre Estado, Xunta e Concello temos un traballo moi importante na Vilavella, con esa conservación de todo o espazo e tamén co incremento do paseo 1,5 quilómetros máis de vía, de senda verde, de espazo natural, de conservación, en definitiva da ría, que é o que nos importa. Unha ría que debemos conservar e tamén e mellorar as súas contornas, como pode ser o miradoiro doas Carrallas, que estaba certamente abandonado, tiña un uso inapropiado, aparcaban vehículos, aparcaban caravanas. E agora hai un miradoiro moderno, actualizado e desde logo un espazo que convive perfectamente co entorno. É un miradoiro onde se pode contemplar a ría, é un espazo que pensa no medio ambiente”.
Para o alcalde de Ribadeo “a visita do delegado é moi acertada. Nosoutros trasladámoslle tamén que temos problemáticas que deben solucionar e debemos solucionar, como pode ser o arranxo da estrada dende a Ribadeo a Vegadeo, tomou nota. Tamén investir nese segundo acceso da A-8 a Ribadeo e tamén un acceso directo á variante vindo da estrada de Vilela, unha vía que é da Deputación, un acceso directo. Creo que iso é importante que tomen nota, que é realmente necesario para Ribadeo e dentro desta colaboración que estamos tendo creo que hai que seguir nesta liña, a da colaboración entre administracións, obras que están financiando tanto Xunta de Galicia como o Estado, que veña o delegado inauguralas certamente tamén é positivo”.
Dani Vega engadiu: “Ribadeo, eu sempre o digo, é ese espazo, ese clima entre administracións que sabemos que é importante investir e os responsables das distintas administracións xestionar o máximo posible para os nosos Concellos”.




















A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, xunto co portavoz de Interior do Grupo Parlamentario Popular no Senado, Luis Santamaría, mantiveron unha reunión no Senado con representantes da Asociación Española de Gardias Civís na provincia de Lugo, que lles trasladaron as principais reivindicacións do colectivo e analizaron os problemas e necesidades que afectan á Garda Civil na provincia.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.



