A Mariña, 6 de outubro de 2025. O programa de rutas e visitas guiadas Plans con corazón rematará a vindeira fin de semana con dúas actividades previstas nos municipios de Burela e O Vicedo, da man de guías locais expertos coñecedores do territorio. Os plans están programados para o sábado, 11 de outubro, no Vicedo e para o domingo, día 12, en Burela, para os que aínda quedan prazas libres.
Con estas actividades chega ao seu fin esta sexta edición de Plans con corazón, impulsados desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, unha iniciativa que, un ano máis, está acadando un alto grao de participación e pon de manifesto o interese por coñecer o territorio e desfrutar actividades de lecer singulares.
O VICEDO-Sábado 11 de outubro
Cabanas que chegan a ser Teatros con Noela Feal
Na actual parroquia vicedense de Santa María de Cabanas, logo de coñecer sorprendentes anécdotas de personaxes históricos como Fernán Pérez de Andrade, O Boo, os participantes serán recibidos polo actor Pepe Penabade no Teatro das Cortes, lugar para a difusión da cultura dende o rural.
BURELA-Domingo 12 outubro
Burela, historia da pesca no Cantábrico e outras cantigas do mar con Boris Vilar
Un paseo para entender mellor a identidade dun pobo profundamente vinculado á actividade pesqueira e ao mar, un medio inhóspito á súa vez cheo de riquezas e fonte de saberes. A “Moncloa”, toda unha institución en Burela, abrirá as súas portas para recibir ás persoas que participen nesta actividade.
Información e reservas
Plans con corazón é un programa promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Aínda quedan algunhas prazas libres para esta fin de semana, polo que as persoas que o desexen poden reservara súa praza a través do enlace:https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon
As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía dos 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición grupal para un máximo de 5 persoas), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.
O programa finaliza este domingo 12 de outubro logo de desenvolver 16 rutas e visitas guiadas polos 16 concellos da Mariña Lucense, cunha variedade de propostas e percorridos que abranguen desde contornas urbanas ata espazos rurais, desde o litoral ata a Serra do Xistral, nunha iniciativa coa que coñecer o territorio e desfrutar actividades de lecer singulares.