Os populares reclamaban establecer vías de colaboración coas distintas administracións de cara a mellorar a seguridade nos puntos perigosos do Camiño de Santiago, nos tramos que conflúen coas estradas provinciais ao seu paso pola provincia de Lugo
Lugo, 25 de novembro de 2025. O goberno de PSOE e BNG négase a colaborar coas distintas administracións para mellorar a seguridade en todas as rutas do Camiño ao seu paso pola provincia e a reclamar ao Goberno de Sánchez medidas de apoio aos autónomos ao votar en contra das propostas do Grupo Provincial Popular.
O portavoz popular, Antonio Ameijide, subliñou que son moitos os peregrinos que percorren o Camiño de Santiago. No que vai de ano superáronse os 525.000 peregrinos que selaron as súas credenciais (aos que hai que sumar os que non selan a Compostela, en torno a un 40% do total), un 5% máis xa que o ano anterior. E deses, ata 291.000 (case o 60%) percorreron algunha das catro rutas que discorre pola provincia de Lugo (O Camiño Francés, O Camiño Primitivo, o Camiño do Norte e o Camiño de Inverno).
“O Camiño é un foco de exposición mundial” e supón “oportunidades para os pequenos concellos da provincia. O Camiño é de todos e, entre todos, debemos protexelo, impulsado e poñelo en valor”. Nese sentido, Ameijide incidiu en facer un esforzo de cara ao Xacobeo 2027: “non pedimos que asuman competencias que non son propias nin fagan o traballo doutros. Pedimos colaboración”, subliñou.
O popular aposta porque o Camiño “siga medrando, pero dentro dun marco de seguridade e calidade” e propoñía colaboración para actuar nos tramos ou puntos perigosos do Camiño de Santiago que conflúe con estradas provinciais para “tratar de mellorar a seguridade diaria ben sexa a iniciativa propia ou en colaboración coa Xunta de Galicia”.
“O que pedimos non son compromisos económicos millonarios; senón que a administración que mellor debería coñecer as vías provinciais colabore activamente e poña ese coñecemento a disposición das administracións que teñen responsabilidades no Camiño para mellorar a seguridade dentro dos plans da Xunta de mellora constante do Camiño: xuntos o esforzo preciso será menor e o resultado, maior”, subliñou.
Ameijide explicou que “é preciso realizar actuacións de todo tipo en varios puntos”: dende a necesidade de xerar sendas paralelas, instalar medidas redutoras das velocidade ou reforzar e mellorar a sinalización.
Algúns dos puntos nos que é preciso actuar son: na estrada LU-P-2901 no Burgo (Lugo) por onde discorre o Camiño Primitivo debido ás numerosas curvas nunha estradas estreita e con considerable intensidade de tráfico; na estrada LU-P-4001 na zona do Coto (Palas de Rei) con importante volume de tráfico e peregrinos; na LU-P-5602 en Pitín ou na LU-P-4910 na zona do club náutico de Portomarín por onde pasa o Camiño Francés; na LU-P-5702 nas inmediacións da capela do Carme (Ribadeo) nunha zona de curvas sen arcéns por onde discorren os peregrinos do Camiño do Norte e na LU-P-1801, de Líncora a Chantada, nunha zona sinuosa que precisa mellorar a sinalización onde coincide co Camiño de Inverno.
APOIO AOS AUTÓNOMOS
Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que PSOE e BNG se negaran a apoiar e recoñecer aos autónomos da provincia ao votar en contra da proposta dos populares para que a Deputación de Lugo manifestase o seu rexeitamento á política fiscal do Goberno de España que nos últimos 7 anos se traduciu nunha crecente carga impositiva, incerteza e falta de estabilidade normativa para o colectivo.
Concretamente, os populares instaban ao goberno provincial a dirixirse ao Goberno de España para que cumpra os compromisos adquiridos cos traballadores autónomos en 2023, impulsando de maneira inmediata as reformas pendentes en materia de protección social, pluriactividade, conciliación e simplificación burocrática, e establecendo un calendario claro de seguimento e avaliación de ditas medidas, en diálogo coas principais organizacións representativas do sector.
Igualmente, urxen ao Goberno de España a aplicar de forma inmediata o réxime de franquía de IVE previsto pola Directiva europea, que permite eximir do pago e a presentación de declaracións de IVE aos autónomos e pequenas empresas cunha facturación anual inferior a 85.000 euros, o que supoñería un importante alivio fiscal e administrativo para o colectivo.
O viceportavoz, Demetrio Salgueiro, explicou que se trata dunha proposta que “recolle as demandas do colectivo e dos seus representantes” e afeou ao PSOE que “trate de desviar a atención” sobre a raíz do problema porque “as competencias son do Estado” e o Goberno de Sánchez é o que pon “atrancos que fai que, cada vez máis, os traballadores queiran deixar de ser autónomos”. Así mesmo, aproveitou para lembrar “a aposta da Xunta polo impulso do colectivo” con medidas como a implantación no 2023 da cota 0 para incentivar as novas altas, axudas para reforzar o apoio e facilitar a remuda xeracional, simplificar trámites e formación para afrontar os novos retos.
CONVENIOS MARCO DAS RESIDENCIAS
Sobre os convenios marco dos centros de atención a maiores, os deputados do PP abstivéronse na votación porque “vendo positiva a modificación que implica que a Deputación asuma todos os custos da xestión, liberando aos Concellos; non podemos apoiar a exclusión da residencia de Becerreá acabada e pechada por capricho político e, ademais, que se fagan diferenciacións entre as residencias, por exemplo nos custes de mantemento en función da cor política do goberno municipal”.



















Estes recitais, protagonizados por músicos da contorna, nunca defraudan. Sen grandes nomes internacionais, pero cunha sensibilidade musical exquisita, ofrecen sempre unha experiencia artística de gran calidade. Por iso, quen asista gozará dunha nova xornada dentro do Programa Adral, que a Xunta de Cofradías promove con tanto entusiasmo.
O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.



