O delegado sinalou Xermade como “exemplo de dinamismo e mostra de como o rural pode xerar actividade, atraer iniciativas e combater o despoboamento cando conta con apoio público”
Xermade, 26 de decembro de 2025. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, animou hoxe aos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes a acollerse ás novas axudas convocadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para impulsar proxectos innovadores e facer fronte ao despoboamento. Así o trasladou durante a súa visita ao Concello de Xermade, onde, acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, mantivo un encontro institucional co alcalde, Roberto García Pernas, no que informou en detalle das características desta convocatoria e do seu potencial impacto no rural galego.
Pedro Blanco salientou que estas axudas, dotadas cun orzamento total de 52 millóns de euros, máis do dobre que na convocatoria anterior, “son unha oportunidade real para transformar o territorio, apoiar o emprendemento, mellorar servizos e xerar oportunidades nos concellos con maiores dificultades demográficas”. O delegado subliñou que o Goberno de España “mantén unha aposta clara polo rural, con políticas activas que se traducen en recursos concretos para os concellos e o tecido social e económico”.
As subvencións están dirixidas a financiar proxectos innovadores para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento en municipios ou núcleos de poboación inferiores a 5.000 habitantes. Contemplan tres modalidades: proxectos promovidos por entidades locais; por entidades sen ánimo de lucro de ámbito supraprovincial; e por pemes, persoas autónomas e entidades da economía social.
Os proxectos poderán estar orientados, entre outros ámbitos, á mellora de servizos públicos, apoio ao emprendemento rural, cultura e ocio, servizos sociais e de coidados, mobilidade, vivenda, asociacionismo ou á recuperación de zonas afectadas por incendios e outras catástrofes naturais.
Axudas de ata 300.000 euros por proxecto, con financiamento de ata o 90%
As axudas poderán cubrir ata o 90% do custo subvencionable no caso de entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, cun importe máximo de 300.000 euros por proxecto, e ata o 70% no caso de pemes e persoas autónomas. O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 20 de xaneiro de 2026 e os proxectos seleccionados poderán executarse ata o ano 2028.
Pedro Blanco animou aos pequenos concellos galegos, empresas e entidades do rural a “aproveitar esta convocatoria e presentar proxectos ambiciosos e transformadores”, reiterando a disposición da Delegación do Goberno para informar e acompañar ás entidades interesadas.
Investimentos do Goberno en Xermade
Durante o encontro, o delegado e o alcalde repasaron tamén os investimentos do Goberno no municipio, destacando a posta en marcha dunha Aula Mentor ou os máis de 400.000 euros dos fondos de Transición Xusta para rehabilitar a antiga casa reitoral e convertela no Centro Internacional da Tornaría. Pedro Blanco sinalou Xermade como “exemplo de dinamismo e mostra de como o rural pode xerar actividade, atraer iniciativas e combater a despoboamento cando conta con apoio público”, reiterando o compromiso do Goberno coa igualdade de dereitos e servizos con independencia do lugar onde se viva.



























Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



