Nicolás González Casares lamenta que “logo de ano e medio, non vemos vontade do Comisario de Pesca do PPE para resolver os problemas do sector”
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026. O eurodeputado galego Nicolás González Casares vén de anunciar un paquete de reformas que os socialistas presentarán en Bruxelas para garantir “unha pesca sostible con plena seguridade xurídica”. Así o dixo nunha rolda de prensa xunto coa portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista no Parlamento, Paloma Castro, que trasladará estas peticións á Cámara autonómica diante da “falla de vontade” do PP europeo para levar adiante as reformas.
O eurodeputado galego lamentou que “logo de ano e medio, non vemos vontade do Comisario de Pesca do PPE para resolver os problemas do sector”. González Casares emprazou a facer “un esforzo necesario” para adaptar e actualizar a lexislación ás particularidades de España no sentido do acordo do Ministerio de Pesca co sector para flexibilizar a aplicación do Regulamento de control da pesca.
Neste sentido, reclamaralle á Comisión Europea que introduza excepcións á marxe de tolerancia para declarar as cantidades de capturas a bordo, que resulta especialmente complicado para a pesca artesanal, expoñéndose a multas inxustas.
Tamén reclama que sexan as autoridades nacionais as que apliquen a notificación previa de entrada a porto para adaptala á realidade da flota, así como simplificar a obriga de caixa azul e diario electrónico. Sinala que é máis operativo deixar fóra desta obriga aos buques de apoio, os de transformación de peixe, os remolcadores, os auxiliares e os de transporte empregados para trasladar produtos da pesca.
Ademais, alerta de que a obriga de identificar cada especie incluída nos desembarques de morralla é incompatible coa súa comercialización, precisamente porque o seu valor comercial provén da mestura, se ben este apartado afecta especialmente á pesquería do Mediterráneo.
González Casares propón unha revisión das limitacións de pesca por TACs e cotas en función das normas de xestión de cada pesquería, ampliando o número de TACs plurianuais. Reclama introducir limitacións á hora de fixar as cotas para que non haxa oscilacións superiores ao 20 por cento dun ano para o seguinte, xa que “non ten sentido” a rebaixa dun 70 por cento nas cotas de xarda que vén de afectar á pesca galega directamente.
Advertiu que “levamos demasiado tempo por un cambio no Regulamento de augas de fondo” que ten pechado ao arrastre a 87 zonas pesqueiras, caendo nun “exceso de celo” xa que supón impedir a pesca de palangre, fundamental no norte de Galicia.
Finalmente, sinalou que “chegou a hora de abrir o FEMPA á mellora da motorización da flota para facela máis eficiente e sostible”, xa que o Regulamento deste Fondo de axuda limita as axudas á descarbonización dos motores. Reivindicou que o Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro teña unha “dimensión axeitada á flota europea”, para que os galegos e galegas que viven do mar teñan o respaldo da UE cando queiran desenvolver novas actividades, permitindo o relevo xeracional.
O eurodeputado galego sinalou tamén que a Comisión Europea terá que escoitar as propostas que salgan do Parlamento de Galicia, porque “sería unha irresponsabilidade” que obviaran á Cámara que representa á principal rexión pesqueira de Europa.
A parlamentaria socialista Paloma Castro anunciou que levará estas propostas á Cámara autonómica para confrontar ao PP coa súa “hipocrisía política” ao utilizar este Regulamento, que eles apoian en Bruxelas, para “xerar alarma e enfrontar ao sector co goberno”.
Mercosur
En resposta a preguntas dos xornalistas, González Casares sinalou que o acordo de comercio con Mercosur representa “unha oportunidade” para Galicia, á que lle permitirá “abrir o noso mundo” reforzando os lazos históricos con América Latina. Dixo que permitirá reforzar o seu papel como porto comercial atlántico e abrindo un espazo de oportunidade fronte ás políticas agresivas de China e Rusia e as guerras arancelarias de Donald Trump.
Explicou que a votación desta semana supón solicitarlle ao TXUE un ditame sobre a legalidade do acordo, pero “en ningún caso solicitou a súa paralización” máis alá de retrasar a súa votación. En todo caso , explicou que en canto algún país de américa latina o teña ratificado, o acordo comezará a correr provisionalmente, e sinalou que nese momento as salvagardas xa estarán preparadas para comezar a aplicarse.
Rexeitou os “bulos” que planean sobre este acordo, que “ademais de salvagardas vai contar con controis” na súa aplicación, xa que “non se vai vender nada que non se puidera vender en orixe na UE”. Puntualizou que a carne galega “non vai sufrir” se conta co apoio da Xunta, senón que polo contrario garantirá alimentación para o gando, ademais de que abre posibilidades de mercado, por exemplo no sector vitivinícola e os sectores afectados polo acordo de comercio e industrial.
González Casares lamentou que “non sabemos onde está o PP” con relación a este acordo, xa que onte pola mañá reclamaba a aplicación provisional do acordo dende Bruxelas e pola tarde Ayuso o criticaba dende Madrid, mentres o líder do PPE, Manfred Weber, dicía que Feijóo estaba de acordo na súa aplicación. Engadiu que “como socialistas queremos estreitar a man de Lula e acadar acordos con Brasil máis alá de ir facernos fotos con el para logo negarlles a posibilidade”.


















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



