Foz, 6 de marzo de 2026. A portavoz do goberno local socialista de Foz e concelleira de Facenda, Inés López Couto, aféalle ao voceiro do Partido Popular que “minta só para conseguir un titular” sobre impostos municipais.
“Supoño que o señor Castiñeira non quere que se lles pague a subida do salario ao persoal municipal, non quere que se melloren os servizos, nin que se fagan obras, porque se non se fai nada igual o seu partido pode dicir que este goberno non traballa. Pero non vamos seguir o seu camiño, o da inoperancia e a nulo esforzo. O camiño do insulto fácil”, explica Inés López Couto, que engade: “o seu estilo é o das frases feitas e non contar unha triste verdade. Non preguntou a ninguén, leu na prensa e inventou o demais para conseguir un titular e non aportar nada. Que pena que agora que fala de recargos e abusos non o diga polo ano que lles cobrou o IBI por duplicado aos veciños. Dese ano non se acorda. Tampouco se lembra de cando aprobou un PXOM sen posibilidade de aplicación en Cordido e lles obrigou a pagar os IBIs polas súas propiedades como urbanas sen poder urbanizar nada durante 5 anos, ata que este goberno o solucionou. E o último xa é a mentira nas subas dun recibo da auga que adiantou a súa cobranza uns días polo inicio de contrato da nova concesionaria, máis que corresponde ás tarifas xa existentes. Mentiras, mentiras, mentiras e desinformación, o único que sabe facer”.
A concelleira de Facenda en Foz di tamén que o voceiro municipal do PP “segue as indicacións do seu partido a nivel nacional e autonómico. Menos impostos. Menos sanidade. Menos educación. Menos posibilidades para o proletariado. Máis facilidades para os ricos. Iso é o que quere. E non vamos permitilo. Sabe o que son 5 euros? O custe dun litro de aceite de oliva, ou o prezo dun bocadillo e unha botella de auga. É unha aportación que serve para este estado social, para a solidariedade e a corresponsabilidade. É algo que a xente maior sabe o que é. Coma este goberno que inviste no seu banco de alimentos máis de 15.000 euros anuais para quen menos ten”.
López Couto tamén manifesta: “vese a simple vista. Cando el recortaba o horario da biblioteca e gastaba 300 euros en libros, este goberno creou unha sala de estudos, ampliou horarios e inviste anualmente máis de 8.000 euros en ampliar un fondo literario pobre, así como outros 31.000 en mellorar a Casa da Cultura. Cando el organizaba unha comida dos maiores para 200 comensais ou menos, este goberno atende a máis de 700. Cando o seu goberno non investía nin un euro nas parroquias, este goberno vai investir 400.000 só este ano. Cando o seu goberno non aportaba nin 10.000 euros á residencia de maiores, este goberno soporta 360.000. Cando o seu goberno tiña un Entroido bonito, este ten un festa de interese turístico galego, con graderío, cunha cea que se ampliou máis do 50% e con presenza a nivel autonómico. Cando o seu goberno non miraba para os grupos de teatro de Foz, este adecuou un escenario na escola de Fazouro, creou un certame de teatro afeccionado, apoiou a creación doutros dous que traen grupos de fóra a Foz. Cando o seu goberno deixou a Sala Bahía sen material de ningún tipo, este investiu máis de 300.000 euros nela, dotouna de equipamento e creou unha praza diante dela… E isto só son uns poucos exemplos de que Foz mellora grazas a que o Partido Popular non está no goberno. Pero ata no talante se notou o cambio: o señor Castiñeira pactara co PSOE, cando estabamos na oposición, arranxar a rúa do Pilar e a Costa do Castro e nada cumpriu do acordado. Nós temos palabra e priorizamos o arranxo do campo de fútbol de Malates: está a mesa de contratación cos últimos pasos para a adxudicación definitiva dos traballos. Agora o señor Castiñeira quere botarse fóra da negociación dos orzamentos cando sempre protestou porque segundo el non se lle tiña en conta: isto é a repanocha”.



















Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
No marco do 8M, esta empresa de comunicación e publicidade decidiu celebrar a súa traxectoria reunindo a 18 mulleres diferentes para compartir as súas experiencias no ámbito persoal e profesional, co obxectivo de render un homenaxe á muller.
Cabe sinalar que o concello de Castro de Rei solicitou xa a súa adhesión ao novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga. Destacou así que a prevención é unha tarefa compartida por administracións e propietarios. Sinalou tamén as importantes novidades que presenta este convenio con respecto aos anteriores acordos, como é o incremento do orzamento, que ascende ata os 25 millóns de euros anuais.
A charla será impartida por Diego Fernández Méndez, colaborador da asociación, quen repasará a evolución do sector conserveiro e o seu impacto económico e social no municipio. A actividade inclúe un recoñecemento ás mulleres traballadoras de Conservas Albo, coincidindo coa conmemoración do 8M, cunha mención especial ás últimas empregadas que pecharon esta etapa histórica. A xornada rematará cunha degustación de produtos da marca.