A subdelegada do Goberno en Lugo presidiu a reunión con representantes municipais de Burela, Viveiro, Alfoz, Cervo, Foz, A Pontenova, Lourenzá, Barreiros e Trabada para avanzar na planificación do operativo
Burela, 7 de abril de 2026. A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu esta mañá unha xunta de seguridade no salón da Compañía da Garda Civil de Burela coa participación de representantes dos concellos de Viveiro, Alfoz, Foz, A Pontenova, Lourenzá, Cervo, Barreiros, Trabada e Burela, co obxectivo de avanzar na coordinación das actuacións necesarias de cara á eclipse total de sol prevista para o vindeiro 12 de agosto de 2026.
Ao encontro asistiron tamén responsables das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como doutros organismos implicados no operativo, co fin de reforzar a coordinación institucional necesaria para organizar os dispositivos de seguridade, mobilidade e emerxencias asociados a este fenómeno astronómico.
Durante a xuntanza, Olimpia López lembrou que “a provincia de Lugo será un dos territorios privilexiados para a observación da eclipse, especialmente na zona da Mariña, onde o fenómeno poderá observarse durante máis tempo e en condicións óptimas”. Neste sentido, subliñou que se prevé unha elevada afluencia de visitantes, polo que resulta fundamental anticipar a planificación e coordinar os recursos das distintas administracións.
“Estamos ante un acontecemento excepcional que require planificación, colaboración e coordinación para garantir a seguridade e que a cidadanía poida gozar desta experiencia en condicións axeitadas”, destacou a subdelegada.
Coordinación cos concellos
Un dos aspectos centrais abordados na reunión foi a necesidade de reforzar a coordinación cos concellos, como administracións máis próximas ao territorio e que mellor coñecen os espazos, accesos e posibles puntos de concentración de persoas.
Neste sentido, a Subdelegación do Goberno solicitou aos municipios a identificación de puntos de observación preferentes, que deberán contar con boas condicións de visibilidade e capacidade suficiente para acoller a afluencia prevista.
A definición destes espazos permitirá planificar con antelación os dispositivos de seguridade, regular o tráfico e reforzar os servizos de emerxencias nos lugares nos que se agarde unha maior concentración de persoas.
Dispositivo de seguridade e mobilidade
Durante a xunta tamén se abordaron as principais recomendacións de seguridade e mobilidade que deberán trasladarse á cidadanía. Entre elas, destaca a conveniencia de planificar os desprazamentos con antelación e evitar viaxar o mesmo día do evento, debido á previsión de alta intensidade de tráfico. Así mesmo, incidiuse na necesidade de extremar a precaución na condución, especialmente pola escuridade repentina que provocará o fenómeno.
Tamén se recomendou promover a descarga da aplicación AlertCops, que permite comunicar incidencias de maneira rápida ás forzas e corpos de seguridade.
Recomendacións para a observación
Durante a reunión lembráronse tamén as recomendacións básicas para a observación segura da eclipse. Neste senso, as autoridades insisten en que non se debe mirar directamente ao sol sen protección axeitada, sendo imprescindible o uso de lentes homologadas para evitar danos oculares.
Ademais, poderase consultar información oficial e actualizada sobre o fenómeno, horarios e recomendacións na web habilitada para o evento: www.trioeclipses.es.
A eclipse total de sol do 12 de agosto de 2026 será a primeira das tres eclipses que se poderán observar desde España nos próximos anos, coñecidas como o “Trío de Eclipses 2026-2027-2028”, e converterá Galicia, e especialmente a provincia de Lugo, nun dos principais puntos de observación deste fenómeno astronómico.























Presidenta e xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acudiron ao Teatro a escoitar a Pepe Conde, quen fora xefe do servizo de cirurxía do HULA e persoa moi vinculada a esta vila por motivos familiares. Co seu pregón arrincaron varios días festexos que rematarán o vindeiro martes, día da patroa. Cruzado e Pérez departiron cos responsables da comisión das festas minutos antes do inicio do pregón.
No acto tamén estivo o presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades. López destacou a importancia do certame e entregou os trofeos. A Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, é un referente provincial pola súa labor de formación, investigación e apoio á recría de Rubia Galega en colaboración coa USC e ACRUGA.
A sesión incluirá a proxección da peza, de 27 minutos de duración, e un coloquio con Ugía Pedreira sobre música, saúde e outros temas. A obra forma parte da selección oficial do Barcelona Indie Filmmakers Festival (BARCIF) 2025 e a actividade está promovida por A Pomba do Arco.
O evento comezou cunha misa na igrexa parroquial de Santa María de Meira e a continuación, tivo lugar o tradicional xantar no Pavillón dos Deportes e o recoñecemento ao home e á muller de maior idade do municipio. Nesta xornada de convivencia, Fernández Méndez puxo en valor a contribución das persoas maiores á sociedade e enxalzou o seu papel activo no municipio, “é unha satisfacción compartir este día coas nosas persoas maiores, que tanto teñen achegado á sociedade e que merecen espazos de encontro e celebración como este”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



