Lugo, 28 de abril, 2026. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes unha moción de urxencia presentada conxuntamente polo PSdeG e o BNG para condenar o transfuguismo e denunciar o que cualifican como unha manobra da portavoz popular Elena Candia para “alterar a vontade das urnas” no Concello de Lugo. A iniciativa saíu adiante cos votos do goberno provincial e o rexeitamento do PP.
A voceira socialista, Pilar García Porto, afirmou que “non hai proxecto político detrás de quen sobe aproveitando a desgraza allea” e advertiu de que “non hai estabilidade institucional posible cando o acceso ao goberno se fía ao mercadeo de vontades”. Sinalou que o discurso de “parálise” co que Candia xustifica a moción de censura “non se corresponde coa realidade”, lembrando que o Concello sufriu tres falecementos no actual mandato —a alcaldesa Paula Alvarellos e os concelleiros Pablo Permuy e Olga Racamonde— e que, malia iso, “o bipartito encabezado por Miguel Fernández mantivo a xestión e non paralizou ningún proxecto”.
García Porto denunciou que a operación impulsada por Candia resulta “especialmente reprobable” porque, mentres se expresaban condolencias públicas, “calculábase friamente como tirar partido daquelas circunstancias para forzar un cambio de goberno a un ano das eleccións municipais”. Criticou tamén á edil María Reigosa, á que acusou de priorizar “aspiracións persoais” e de entrar “na historia política da cidade pola porta do transfuguismo”.
A moción lembra que máis de 3.000 persoas se concentraron o 24 de abril na Praza Maior convocadas pola plataforma Transfuguismo non, democracia si, nunha das maiores mobilizacións políticas recentes en Lugo. O texto aprobado condena o uso de tránsfugas para alterar maiorías, reproba ao PP de Lugo e ás persoas implicadas, defende o goberno municipal actual e reclama medidas legais para impedir beneficios derivados do transfuguismo.
Pola súa banda, o vicepresidente provincial do BNG, Efrén Castro, acusou a Elena Candia e ao PP de “sobrepasar todos os límites da moralidade e da decencia”. Preguntou “que boa persoa sería capaz de aproveitar unha desgraza como a do grupo municipal socialista” e advertiu de que “a sociedade de Lugo non acepta a inmoralidade nin pasar por enriba da vontade popular”. O BNG apoiou a moción que esixe a retirada inmediata da moción de censura no Concello.
Baixada do prezo do leite: crítica á Xunta
O pleno aprobou tamén unha proposta do BNG que insta á Xunta de Galicia a actuar fronte ás baixadas “abusivas e unilaterais” do prezo do leite por parte da industria, que segundo o deputado Daniel García chegan ata os 8 céntimos por litro. Criticou a “inoperancia” do goberno galego e comparou a situación con Asturias e Cantabria, onde o impacto foi menor. Sinalou que en Galicia “os prezos varían máis e adoitan ser máis baixos”, o que atribuíu á falta de capacidade de negociación dos gandeiros e á “complicidade” do executivo autonómico.
Críticas á proposta do PP sobre baixas laborais
A portavoz nacionalista Iria Castro reiterou o rexeitamento do BNG á proposta anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para endurecer o acceso ás baixas laborais. Considera que a iniciativa “criminaliza ás traballadoras e traballadores”, “fai da enfermidade un delito” e “engorda o negocio das mutuas”. O BNG reclamou reforzar o persoal da sanidade pública, especialmente en Atención Primaria, e incrementar as políticas de prevención de riscos laborais.



















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



