Ribadeo, 15 de abril, 2026. Todo está listo para a celebración dunha nova edición das xornadas gastronómicas da xarda en Ribadeo, que organiza Acisa coa colaboración da OPP do Porto de Burela. Terán lugar esta fin de semana, do 17 ao 19 de abril, e na cita participan 18 locais hostaleiros, que ofrecerán este peixe en diferentes preparacións.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “todo está listo para os días 17, 18 e 19 de abril, datas nas que terá lugar a segunda edición das xornadas gastronómicas da xarda de Burela, na que participarán 18 locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelés. Grazas á colaboración da OPP do Porto de Burela puidemos desde Acisa organizar esta nova cita gastronómica. A OPP facilítanos de forma gratuíta uns 90 quilos de xarda que imos distribuír entre os bares, mesóns e restaurantes que participan sen ningún tipo de custe para eles”.
Segundo explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “esta é unha nova ocasión na que dende Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos. Isto marca unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos. Ademais trátase dunha achega importante: aportamos aos locais unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións cun produto de tempada como é a xarda”.
E dixo que “as diferentes elaboracións pódense atopar nas redes sociais de Acisa para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada local. Son 18 establecementos, tanto de Ribadeo vila, do porto, como de Rinlo, co que deste xeito espallamos esta cita gastronómica polas parroquias nas que tamén temos asociados e asociadas de hostalería. Entre elas poderanse degustar elaboracións diferentes de xarda como crepes de xarda con tomate, empanada de xarda, ensaladilla, xarda ao forno, arroz con xarda, xarda en escabeche, xarda frita, salpicón de xarda… e todo isto en diferentes formatos como racións ou tapas, tanto de pago como de balde”.
Cruzado Iglesias subliñou que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro nestas datas, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña, da provincia de Lugo e do Occidente asturiano para vir a Ribadeo a gozar dunha proposta gastronómica diferente”. E lembrou que “levamos xa un tempo organizando citas deste tipo, nas que facemos entrega do produto de xeito gratuíto, grazas á colaboración da OPP do Porto de Burela ou da Área de Mar da Deputación de Lugo. Así o fixemos xa coas xornadas da lura e da ameixa ou as da merluza de Burela, o peixe espada ou a xarda”.
A presidenta de Acisa engadiu: “queremos agradecer a colaboración e o apoio da OPP do Porto de Burela nesta ocasión para poder organizar estas novas xornadas gastronómicas da xarda en Ribadeo. E queremos resaltar que esta actividade está enmarcada na programación de Acisa, pero tamén forma parte das actividades a desenvolver conxuntamente entre Concello de Ribadeo e a nosa entidade, seguindo as liñas de traballo conxunto”.
Os locais participantes son: A Horta de San Roque, A Mirandilla, Barallocas, El Huerto, El Rincón del Gordo, Galipizza, La Flor de Jose, Los Dulces de Delphine, La Solana, Mareta, Marinero, Náutico, O Furancho no Camiño, O Indiano, O Lar de Manolo, Parador de Turismo, Ramonita e San Miguel.
Días Azuis do comercio galego
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, contou que “no comercio segue a campaña dos Días Azuis do comercio galego, organizada pola Federación de Comercio Galego en colaboración coa Xunta e as asociacións locais, que ten lugar do 10 ao 30 de abril. En total póñense en xogo 20.000 euros repartidos en 44 tarxetas prepago de 250 euros e 60 tarxetas de 150 euros. Para poder acadar algún dos premios a clientela de Ribadeo o único que ten que facer é rexistrar as compras destes días na web www.diasazuis.com. Animamos a toda a veciñanza a aproveitar esta actividade, rexistrar os seus tíckets e así poder gañar algún dos premios desta campaña”.



























O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



