Viveiro, 25 de maio, 2026. O Grupo Municipal do BNG de Viveiro levará ao pleno de xuño o debate sobre a Variante de Viveiro, propoñendo que o Concello reclame á Xunta de Galicia a recuperación do proxecto integrado na Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte e o abandono da alternativa actual, baseada nunha estrada convencional de menores prestacións.
A portavoz municipal do BNG, Iria Cotelo, advirte de que a decisión da Xunta supón “un novo episodio de abandono a Viveiro e á Mariña despois de décadas de promesas incumpridas”.
Segundo Cotelo, trátase dunha infraestrutura “clave para o futuro económico e social de Viveiro e da comarca”, e lembra que Viveiro continúa sendo “a única cidade de máis de 250 quilómetros de costa entre Ferrol e Avilés sen unha variante en condicións”.
O BNG subliña que o proxecto da VAC da Costa Norte leva 25 anos previsto nos plans de infraestruturas da Xunta e denuncia que, tras os avances do goberno bipartito, o Partido Popular mantivo a actuación paralizada desde 2009.
A formación critica que a alternativa presentada pola Xunta en decembro renuncia á vía de alta capacidade e propón unha estrada convencional “cun trazado impropio dunha infraestrutura moderna”, con velocidade de deseño de 50 km/h, curvas de pequeno radio e pendentes do 7% ao 8%. “É unha infraestrutura insuficiente para as necesidades actuais e futuras de Viveiro”, afirma Cotelo.
A portavoz engade que esta proposta “non resolve os problemas de tráfico nin mellora a conexión co resto do país”, e que consolida “un modelo de comunicacións deficiente que limita o desenvolvemento social, económico e industrial do concello”.
Cotelo tamén cuestiona os criterios empregados pola Xunta para xustificar o cambio de proxecto, asegurando que se basean nun estudo “claramente sesgado”.
O BNG considera que os enlaces previstos tampouco solucionan os problemas de mobilidade:
– O enlace co Camiño Vello desemboca xunto ao Pazo de Malates, nunha rúa estreita e de sentido único.
– O enlace de Magazos obrigaría o tráfico procedente do interior a atravesar zonas urbanas que deberían quedar liberadas do paso de vehículos pesados.
“Por que Viveiro ten que conformarse cunha estrada de segunda categoría mentres noutras zonas se executan infraestruturas de primeiro nivel? O que reclamamos é o que nos corresponde e o que se nos prometeu”, conclúe Cotelo.
A moción do BNG propón que o Pleno manifeste o seu rexeitamento á renuncia da Xunta á VAC Costa Norte, reclame a recuperación do proxecto da variante incluído no PXOM e solicite unha revisión dos estudos técnicos con criterios obxectivos sobre capacidade, tempos de desprazamento e potencial de desenvolvemento.
Os acordos serán trasladados á Xunta, aos grupos parlamentarios e aos concellos da Mariña. Ademais, o BNG anuncia que presentará alegacións aos estudos informativo e ambiental das variantes leste e oeste de Viveiro ante a Axencia Galega de Infraestruturas.

















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



