Xove, 27 de xullo, 2026. O BNG de Xove manifesta a súa fonda preocupación pola información coñecida nos últimos días sobre a situación dos residuos almacenados no DBR de Alcoa e considera inadmisible que, a día de hoxe, a veciñanza continúe sen recibir información oficial, clara e completa por parte da Xunta de Galicia, administración competente nesta materia, e da multinacional.
A voceira nacionalista, Pilar Vázquez, subliña que “estamos ante unha situación moi preocupante e o primeiro que necesitan os veciños e veciñas é información veraz, rigorosa e transparente”. Por iso, desde o BNG esixen á Xunta e á dirección de Alcoa a máxima claridade: “É imprescindible que expliquen cal é o alcance real do problema, que riscos existen para a saúde e que medidas se van adoptar”.
Vázquez advirte de que “a falta de información oficial só incrementa a incerteza e a preocupación entre a veciñanza, que ten dereito a coñecer a realidade e a recibir respostas rigorosas por parte das administracións e da empresa responsable”. Engade que non abonda con anunciar medidas puntuais, como a achega dun camión autobomba.
A portavoz nacionalista trasladou ao equipo de goberno a disposición total do BNG para colaborar en todo o necesario na defensa dos intereses da veciñanza. “O importante é actuar con responsabilidade, ofrecer certezas e esixir explicacións inmediatas a quen ten as competencias”, afirma.
Así mesmo, o BNG anuncia que levará este asunto ao Parlamento de Galicia para reclamar explicacións á Xunta e solicitar toda a información dispoñible sobre a situación da planta e as medidas previstas.
O BNG de Xove lembra tamén que sempre defendeu a continuidade da planta de Alcoa e a preservación dos postos de traballo, fundamentais para a economía local e da Mariña. “Somos conscientes de que toda actividade industrial ten impacto ambiental, pero é necesario atopar un equilibrio entre desenvolvemento, emprego e protección da saúde. Ese equilibrio debe basearse na transparencia, no cumprimento estrito da normativa e na garantía de que a actividade da planta non supoña un risco para a veciñanza”, conclúe Vázquez.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



