O Auditorio Hernán Naval acollerá o domingo 25 de outubro dous pases de 3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º
Ribadeo, 19 de outubro, 2026. O circuíto de intercambio cultural a través das artes escénicas Camiño Escena Norte (CEN) chega a Ribadeo na súa oitava edición. O domingo 25 de outubro, o Auditorio Hernán Naval acollerá dous pases, ás 19.30 e ás 20.30 horas, de 3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º, do ilusionista navarro Hodei, Premio Nacional de Maxia 2025.
Lonxe dos formatos tradicionais, Hodei actúa rodeado polo público en 360 graos, nun espazo íntimo e de aforo reducido no que cada detalle está pensado para que os espectadores se convertan en protagonistas dunha viaxe multisensorial. O ilusionista articula a proposta arredor de tres elementos, a creatividade, a curiosidade e a paixón, que acompañan a infancia e que a vida adulta tende a conter, e entrelaza maxia, historias e emocións ao longo de 40 minutos. O espectáculo está dirixido a todos os públicos, a partir de 7 anos.
As entradas, a 10 euros (5 euros para persoas desempregadas, xubiladas ou estudantes), poderán adquirirse na billeteira do auditorio desde 30 minutos antes de cada pase. Con esta cita, Camiño Escena Norte pecha a súa presenza na provincia de Lugo nesta edición.
Camiño Escena Norte
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo.
Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.
AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE
25.10.2026, 19:30 h e 20:30 h | Ribadeo. Auditorio Hernán Naval
3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º, de Hodei (Navarra)
Ilusionismo · Todos os públicos (a partir de 7 anos) · 40 min · Formato multipase
Xeral: 10 € · Persoas desempregadas, xubiladas ou estudantes: 5 €
Venda na billeteira desde 30 minutos antes de cada pase
Sinopse 3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º
Lonxe dos espectáculos tradicionais, Hodei presenta unha experiencia máxica inmersiva nunca antes vista, na que o ilusionista revelará os tres elementos que marcaron o camiño cara ao que somos hoxe e amosará como poden inspirar o noso propio percorrido, nun encontro onde a maxia se entrelaza con historias e emocións. Ante un público reducido e querendo amosarse por completo, farao rodeado en 360 graos, nun ambiente íntimo no que cada instante é único e cada detalle está coidadosamente deseñado para que o público se converta no protagonista dunha viaxe multisensorial. Nun espazo próximo, lonxe das multitudes, a maxia non só se ve… séntese.
Hodei
Hodei (Premio Nacional de Maxia 2025) é un ilusionista especializado en maxia teatral que, desde 2014, desenvolve espectáculos cunha clara vocación escénica, nos que a maxia se integra como ferramenta narrativa ao servizo da mensaxe. O seu traballo parte da procura constante dunha maxia contemporánea, capaz de conectar co espectador actual e dialogar con el desde o emocional, a través de producións que xeran unha experiencia compartida. Con formación e percorrido ligados ao teatro desde a infancia, as súas propostas combinan texto, comedia xestual e unha posta en escena coidada. Ademais, levou a súa maxia a Francia, Portugal e Alemaña, asesorou en cine, musicais e publicidade, e realizou funcións ante máis de 5.000 espectadores.



















Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
A conselleira do Medio Rural acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado á feira e festas das San Lucas.
A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.



