Santiago, 27 de abril de 2019.- A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinou esta semana un convenio de colaboración co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, José Basilio Otero, polo que a Xunta contribuirá á mellora da competitividade da federación con ata 20.000 euros. O acordo, que se asina cada ano, é o primeiro dos catro que se firmarán nas próximas semanas coas federacións galega, coruñesa e pontevedresa de confrarías de pescadores.
A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo disporá de ata 20.000 euros para investimentos relacionados co acondicionamento da sede da entidade como a adquisición de mobiliario de oficina para o arquivo e almacenamento da documentación ou a renovación de equipos informáticos e do sistema telefónico para unha maior optimización das funcións de administración, coordinación e comunicación da federación.
As achegas tamén serven para cubrir os gastos derivados da promoción dos produtos pesqueiros -desde o desenvolvemento de campañas de promoción ata a participación en eventos ou acordos de colaboración con distintas entidades- e a defensa da frota artesanal mediante a organización de congresos sectoriais.
Para o control deste convenio crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e polo presidente e o secretario da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo. A vixencia desta colaboración é ata o 16 de decembro de 2019.