Viveiro, 03 de agosto de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutierrez e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantiveron esta tarde unha xuntanza con representantes de Pro Celeiro a plataforma recentemente constituída para reclamar unha corrección do deficiente servizo municipal de saneamento.
A administración autonómica trasladou a mensaxe de que mellorar a depuración das augas residuais e, en consecuencia, o saneamento da ría de Viveiro é unha prioridade para o Goberno galego, e por iso a pesar de non ser unha competencia da comunidade autónoma, están dispostos a traducir ese compromiso nun investimento de máis de 7 millóns de euros para promover obras hidráulicas no municipio.
3,9M€ para a mellora da estación depuradora
Así, a Xunta explicou polo miúdo a situación na que se atopa cada proxecto. O máis avanzado, é a obra de ampliación da estación depuradora de augas residuais (Edar), que estaría en disposición de licitarse este mesmo mes, no caso de que o Concello complete a documentación pendente para ratificar esa colaboración técnica e económica que ofreceu a administración autonómica.
Neste caso acometer esta obra suporá un investimento total de preto de catro millóns de euros (3,9 millóns de euros), uns traballos que contan cun prazo de execución estimado de 18 meses, unha vez formalizado o contrato.
“O Goberno galego non estivo nunca de brazos cruzados ante esta problemática do deficiente saneamento en Viveiro. Comprometemos a nosa colaboración técnica, e de feito foi a Xunta quen redactou o proxecto de ampliación da Edar e de mellora das liñas de tratamento, e comprometemos tamén o financiamento preciso, ata o punto de asumir o cen por cen do custe desta obra, a súa contratación e execución”
A ampliación da EDAR permitirá tratar a totalidade dos caudais de augas residuais xerados no municipio, incorporando os procedentes da rede de Celeiro, á vez que se dá solución aos problemas detectados na actual planta pois a capacidade de depuración real era menor da prevista. As novas instalacións soportarán un caudal punta de ata 800 metros cúbicos por hora.
A Xunta tamén avanzou que xa dispón de todos os informes sectoriais precisos para acometer estas obras, “o que supón un paso moi importante para axilizar todos os trámites, só á espera de completar a documentación municipal pendente”.
Substitución do actual emisario
A administración autonómica asegura que, coa obra prevista no sistema de depuración poderase obter unha mellora significativa da calidade da auga, que se traduciría tamén no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro. Con todo, a intención da Xunta é avanzar tamén no proxecto técnico para a substitución do actual emisario, que se atopa en malas condicións o que provoca vertidos.
En relación con esta obra, a Xunta está redactando o proxecto técnico do novo emisario, que completará unha vez conten co resultado das probas de prospección arqueolóxica que realizaron buzos especializados. Unha vez listo o proxecto remitirase ao departamento estatal de Costas, que debe autorizalo, para que así a Xunta poida iniciar o proceso de contratación da obra.
A Xunta tamén ten deseñada unha folla de ruta para o caso de que a obra de substitución do emisario se enroque pola falta de autorización de Costas. Neste caso, incluiría unha seria de melloras técnicas inmediatas, que inclúen a construción dun tanque de tormentas e a mellora da capacidade de bombeo.





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



