Viveiro, 9 de decembro, 2019. No poema Pra a Habana!, a nosa poeta, Rosalía de Castro, plasmou con especial sensibilidade o drama da emigración. Un drama non só persoal, senón tamén social e nacional. A emigración provoca desarraigamento, familias rotas e conduce tamén á desertización económica e á perda de horizonte de futuro dun país.
156 anos despois da publicación de Cantares Gallegos este drama dista moito de ser unha triste lembranza do noso pasado. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, nos últimos 10 anos (2008-2017 –últimos datos dispoñíbeis-) emigraron de Galiza 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, idades nas que se concentran a maior parte das persoas demandantes de emprego.
Nese período 79.529 persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos abandonaron o noso país. Mozas e mozos que ante a falta de perspectivas de realización persoal e laboral tiveron que coller a maleta para se gañar a vida fóra. Unha sangría para unha sociedade que criou e formou a unha xeración para que o seu coñecemento e o seu traballo contribúa ao progreso doutras sociedades en vez de reverter no país. A emigración mesmo está a poñer en perigo a propia viabilidade de Galiza. O impacto da emigración é evidente no noso devalo demográfico e no avellentamento da poboación.A poboación activa de Galiza (persoas entre 16 e 65 anos que están traballando ou buscan emprego) representa menos da metade da poboación total.
Na época na que Rosalía escribiu Pra a Habana! a poboación de Galiza representaba o 11,5% da poboación total do Estado español e a súa densidade de poboación duplicaba a media estatal. En 1900 a porcentaxe descendera ao 10,64%. En 1950 situábase no 9,26% e en 2018 era só do 5,74%. É dicir, o peso relativo da poboación de Galiza no Estado español reduciuse á metade e en 2018 a nosa densidade de poboación situouse por vez primeira por baixo da media.
No que respecta a Viveiro, segundo datos publicados polo INE e o CERA (Censo Electoral de Españois Residente no Extranxeiro) a data 1 de febreiro de 2019, as persoas que residen habitualmente no extranxeiro, ou trasladaron a súa residencia habitual ao extranxeiro, maiores de 18 anos é de 1892 habitantes.
Algúns xa denominan a esta realidade “a Galiza mingüante” e se non lle poñemos remedio a esta sangría poboacional, significará a morte a medio prazo de Galiza como ente colectivo. A condición periférica e subordinada da nosa economía, a destrución de parte importante da nosa base produtiva, a precariedade no emprego e a ausencia de políticas ambiciosas de igualdade e fomento da conciliación están na base do devalo demográfico do país e o aumento da emigración.
Por todo o devandito, levamos ao Pleno do Concello a adoptar os seguintes acordos:
Dirixirse ao Parlamento de Galiza para que tome en consideración a emigración como un drama social e nacional, conciba este problema como unha emerxencia nacional e outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas, instando á Xunta de Galiza a impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e creen as condicións para favorecer o retorno das nosas persoas emigradas.
Instar ao Parlamento de Galiza a constituír no seu seo unha ponencia sobre a emigración galega, co obxecto de que, no prazo máximo de cinco meses, estude e propoña as medidas e políticas necesarias para rematar con este drama que ao longo da historia e actualmente golpea ao Pobo Galego.
Deben ser eixos destas políticas:
– A defensa da base produtiva do país e dunha economía autocentrada, que mobilice os enormes recursos do país para xerar emprego e riqueza en Galiza.
– A creación de emprego digno e de calidade.
– O desenvolvemento de políticas sociais que aseguren a igualdade e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.
O compromiso desde o goberno municipal:
– Políticas que promovan e lle dean forza aos sectores estratéxicos e ao tecido industrial de Galiza, nomeadamente o agrogandeiro, forestal, marítimo-pesqueiro, enerxético e das TIC.
– Elaboración dun seguemento anual dos emigradxs e retornadxs do concello de Viveiro.



















Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



