Foz, 15 de febreiro, 2020. No concello pontevedrés de Portas, celebrouse este sábado a final do campionato galego de campo a través en idade escolar. A expedición do ‘Ría de Foz’, composta por case 20 atletas, estivo a altura do agardado e competiu de “ti a ti” co mellor do panorama galego.
Os nosos pícaros chegaron a este campionato galego despois de realizar un gran papel no campionato comarcal e provincial, onde se destacaran como o Club da comarca da Mariña que máis atletas clasificara para o Campionato Galego e o segundo club da provincia máis laureado. De feito, o noso Club subira ao podio en todas as categorías nas que participaba.
Nesta ocasión, o ‘Ría de Foz’ participaba no Campionato Galego con catro equipos (Alevín Masculino, Infantil Feminino, Infantil Masculino e Cadete Masculino) e unha atleta cadete que se clasificara de xeito individual (Helena Celada).
Salientamos, a seguir, os resultados máis destacados dos nosos atletas e dos nosos equipos:
CATEGORÍA ALEVÍN MASCULINA
5º posto individual de NICOLÁS MÉNDEZ
8º Equipo clasificado “Martínez Otero – Ría de Foz”
CATEGORÍA INFANTIL FEMININA
11º posto individual de SARA HOUSNI
7º Equipo clasificado “Ría de Foz – Martínez Otero”
CATEGORÍA INFANTIL MASCULINA
9º posto individual de XABI RODRÍGUEZ
7º Equipo clasificado “Ría de Foz – Martínez Otero”
CATEGORÍA CADETE MASCULINA
20º posto individual de HUSSAM EL KHIARI
7º Equipo clasificado “Ría de Foz – Martínez Otero”
Desde a Directiva do ‘Ría de Foz’, queremos trasladarlles os parabéns a todos os pícaros e pícaras das nosas categorías inferiores polo excelente traballo realizado nesta tempada de campo a través. Grazas a eles este proxecto non deixa de medrar a pasos axigantados, posto que, en menos de catro anos de vida do Club, consolidaron ao ‘Ría de Foz’ como unha das entidades habituais destes campionatos.
A tempada de Campo a Través remata aquí e foi un auténtico pracer representar, de boa maneira, a Foz en todos os circuítos nos que participamos. Desde xa, comezamos a preparar a tempada de atletismo en pista.























Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
