Lugo, 10 de marzo 2020. A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que convoca para o vindeiro martes, 17 de marzo, unha manifestación que discorrerá polas rúas de Lugo en defensa do rural e de prezos xustos para os produtores, denuncia que cada ano os gandeiros galegos perden 100 millóns de euros polos prezos do leite que se pagan aos produtores na nosa comunidade, os máis baixos de todo o Estado.
O presidente de Agromuralla, Roberto López, acompañado de membros da Xunta Directiva da asociación, formada por gandeiros procedentes de distintos lugares da provincia de Lugo, denunciou a “inxustiza” que supón que sendo Galicia a comunidade que produce o 40% de todo o leite de España, “as industrias castiguen aos gandeiros galegos cos prezos máis baixos de todo España”.
“Os gandeiros galegos, que somos os que muximos 4 de cada 10 litros que se producen en España, seguimos sendo os que menos cobramos o leite de todo o Estado. En Asturias, que está aquí ao lado, os gandeiros cobran o leite 3 céntimos por litro máis ca nós”, explicou o presidente de Agromuralla.
Segundo os datos oficiais que acaba de facer públicos o Fondo Español de Garantía Agraria, FEGA, Galicia continúa de pechacancelas a nivel de prezos, con 32,6 céntimos por litro en xaneiro, tres céntimos menos que a media europea, unha cifra na que se sitúa Asturias, con 35,6 céntimos por litro de leite.
Tendo en conta que Galicia produciu o ano pasado 2,7 millóns de toneladas de leite, esa diferenza de tres céntimos por litro supón unha perda de case 100.000 millóns de euros anuais para os produtores galegos, unha situación “discriminatoria e sen xustificación algunha”, segundo Agromuralla, tendo en conta ademais “que o leite que se produce en Galicia ten máis calidade que o resto”, asegurou Roberto López.
400 explotacións pecharon en Galicia no último ano
A situación de “estancamento” do prezo do leite nas últimas décadas, con caídas mesmo por debaixo dos prezos de produción, como o acontecido fai catro anos na última crise de prezos, contrasta sen embargo co “incremento constante dos custos de produción”. “Os prezos do gasóleo ou da electricidade chegaron a duplicarse”, denunciou Roberto López.
Esta situación fai que os gandeiros traballen con “marxes moi estreitas” que non lles permiten en moitos casos obter “salarios dignos” nin afrontar os investimentos necesarios para a modernización das súas explotacións.
“Cada vez esíxesenos máis, en materia medioambiental ou de benestar animal, pero eses esforzos non se traducen despois ao prezo do leite, algo que fai que a xente nova non se anime a seguir”, afirmou o presidente de Agromuralla, que explicou que no último ano 400 explotacións pecharon en Galicia. “Segue pechando máis dunha explotación cada día, quedamos só 7.000 explotacións producindo leite en Galicia fronte ás 100.000 que había fai 30 anos, en 1986, cando se entrou na UE”, indicou.
“Non serven xa excusas nin boas palabras, urxen solucións”
Agromuralla deu a coñecer na rolda de prensa de hoxe o percorrido e as reivindicacións que centrarán a manifestación do vindeiro martes en Lugo, que sairá de diante da Xunta de Galicia e rematará diante da Subdelegación do Goberno. “A manifestación non vai contra ninguén pero reclama medidas a todos, a cada quen no ámbito das súas responsabilidades actuais, porque este é un problema de todos, un problema de país que está por enriba das siglas políticas”, asegurou Roberto López.
“Estamos ás portas dunhas eleccións e quixemos convocar esta manifestación para o 17 de marzo porque non queremos que coincida coa campaña electoral que comeza o venres 20 pero, ao mesmo tempo, si que queremos que os problemas que sofre o rural galego si que estean moi presentes na campaña destas eleccións autonómicas para que todos os partidos políticos sen excepción se comprometan na súa resolución, porque non serven xa excusas nin boas palabras, urxen solucións”, indicaron os convocantes.
Agromuralla pretende coa marcha do vindeiro martes “a visibilización dos problemas do agro galego”, que han de ser entendidos, aseguraron, “como os problemas do conxunto da sociedade galega”, porque “se o rural esmorece as vilas e cidades tamén morren”. Por iso, insistiron, “facemos un chamamento a toda a poboación e convidamos a participar a todo o mundo, independentemente de que se viva no rural ou na cidade”.
“Galicia non se entendería sen o seu medio rural e urxen medidas para que o rural galego teña futuro. Moitos dos dos problemas que Galicia ten como comunidade teñen lugar no rural: despoboamento, avellentamento, incendios forestais. E só con prezos dignos e calidade de vida, lograremos que os mozos e mozas se queiran quedar a vivir no rural. Doutro xeito a despoboación seguirá avanzando de xeito galopante”, argumentou Roberto López.
Dez demandas para a Xunta e o Goberno central
O decálogo de reivindicacións da manifestación do vindeiro martes inclúe a demanda de prezos xustos para os produtores cuns prezos mínimos garantidos que cubran os custos de produción e contratos en igualdade de condicións fronte ás industrias e ás empresas de distribución.
“Solidarizámonos cos agricultores e gandeiros que nas últimas semanas se estiveron mobilizando en distintos puntos de España e, igual ca eles, esiximos prezos dignos e xustos que nos permitan vivir do noso traballo. Seguimos en desvantaxe frente ás industrias e ás cadeas de supermercados e este segue a ser a día de hoxe un dos graves problemas que sufrimos os que nos adicamos á activide agrogandeira”, asegurou Roberto López, que considerou “imprescindible” unha “verdadeira” reforma en profundidade da Lei da Cadea Alimentaria.
As demandas de Agromuralla inclúen tamén a mitigación dos custos de produción; unha fiscalidade que favoreza o asentamento da actividade agrogandeira e o relevo xeracional no medio rural; unha modificación da PAC para que as axudas cheguen realmente ás persoas que traballan e viven da agricultura (na actualidade o 5% de grandes perceptores son grandes terratenentes e latifundistas do Estado español que acaparan o 50% das axudas directas da PAC); medidas efectivas inmediatas para controlar a proliferación indiscriminada da fauna salvaxe; servizos públicos de calidade, infraestruturas de comunicación axeitadas e tecnoloxías de internet propias do século XXI para as zonas rurais; maior defensa e valoración social da labor dos agricultores e gandeiros en aspectos que benefician á sociedade no seu conxunto, como o coidado e preservación do medio ambiente; o reforzamento do persoal das Oficinas Agrarias Comarcais e un control máis estrito da entrada de produtos de fóra da UE que non cumpren cos estándares mínimos de calidade.




















Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



