Lugo, 24 de abril de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que este venres a entidade está desenvolvendo, a través do persoal do Parque Móbil, a primeira fase do reparto de mascarillas cirúrxicas para a protección dos veciños e veciñas da provincia fronte ao Covid-19, na que se entregarán preto de 72.000 unidades nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Deste xeito, só nesta primeira remesa, a institución provincial cubre co material que adquiriu con fondos propios máis do 30% da poboación total destes municipios, tal e como subliñou o Presidente, quen avanzou ademais que nunha segunda fase de distribución de mascarillas a Deputación pretende chegar ata o 50% da poboación destes concellos.
A distribución de material por municipios determinouse de maneira proporcional ao seu número de habitantes, tomando como referencia o 30% da súa poboación. As tarefas de reparto desenvólveas o persoal do Parque Móbil da Deputación con once vehículos, unha labor coordinada de tal forma que cobre todos os concellos nun día. “Así garantimos que cheguen o máis pronto posible, porque canto antes cheguen, antes se poden organizar os concellos para distribuír todo o material de protección”, subliñou Tomé Roca.
“Dende o Goberno da Deputación imos a seguir colaborando cos concellos para que os veciños e veciñas da provincia de Lugo estean o máis protexidos posible, e para lograr este obxectivo, en función de como evolucione a pandemia, dende a Deputación estaremos atentos a outras posibles colaboracións para o benestar de todos”, asegurou o Presidente.
“A Deputación é a institución máis próxima aos concellos, e polo tanto á veciñanza, e temos que estar con eles para afrontar a crise do coronavirus unidos e en total coordinación e cooperación, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliñou José Tomé.
Pedido de material
A institución provincial realizou a semana pasada un pedido de 220.000 unidades de material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus Covid-19. Tomé Roca asinou un decreto que ordena a contratación, mediante tramitación de emerxencia, do subministro dun total de 112.300 mascarillas, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro, por un importe de case 140.000€ con fondos propios.
A Deputación diversificou a compra en tres empresas diferentes para minimizar riscos ante as dificultades que a saturación da demanda provoca no mercado.
O Presidente explica que se adquiriu este material para a protección fronte ao virus do persoal propio da Deputación, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta a institución, como son por exemplo os centros de atención a maiores de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada, e para a súa distribución no conxunto da provincia.
En concreto, o pedido está composto por 100.000 mascarillas cirúrxicas, 12.000 mascarillas FFP2, 300 mascarillas FFP3, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro. A cantidade de material adquirida pola Deputación está amparada nun informe técnico elaborado polos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social no que determinaron as necesidades a cubrir.
José Tomé manifesta que na Deputación “dedicamos todos os esforzos a combater os efectos da pandemia do coronavirus na nosa provincia, por iso estamos tomando medidas de forma continua para frear e paliar o seu impacto negativo”.
Inxección de 32M€ nos concellos
A Deputación está respondendo á crise con iniciativas acordes coa súa función esencial de cooperación cos Concellos, dentro das súas competencias e cos recursos dos que dispón. Neste sentido, a institución xa mobilizou dende a declaración do Estado de Alarma recursos económicos para os municipios por máis de 32M€.
Por unha banda, aprobou o Plan Único 2020, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3 M€, e que foi adaptado polo Goberno provincial para que os municipios poidan cubrir con 10,6 M€ medidas sociais e económicas fronte ao coronavirus.
Tamén inxectou 11M€ co adianto dos pagos mensuais previstos ata xuño aos concellos que teñen delegada na institución a xestión de impostos municipais, o que lles proporcionará maior liquidez para o que consideren máis oportuno na súa realidade individual.




















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



