Burela, 5 de xuño de 2020. Os presupostos municipais de Burela para o 2020 ascenden a máis de 7.300.000 euros. Foron aprobados onte cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP. O alcalde, Alfredo Llano, subliña as partidas destinadas a políticas sociais. Na sesión tamén foi aprobada unha declaración institucional en apoio de Alcoa en San Ciprián.
O rexedor explicou que “foi un pleno ordinario telemático, a ver se o próximo xa pode ser presencial. Debatemos fundamentalmente dous puntos. Un deles foi o dos orzamentos, que este ano ascenden a 7.300.000 euros. No seu conxunto veñen garantir que se poden levar para adiante todos os servizos de calidade que está ofrecendo o Concello de Burela, que son moitos. No capítulo un temos a previsión de empregabilidade a través de vacantes que temos no Concello, pero tamén a través do Plan Único, que imos empregar a 10 persoas; de brigadistas outras 4 e tamén do RISGA. Temos un bo apartado de investimentos reais que van beneficiar ao conxunto da poboación tanto en asfaltados como en mellora de rúas e saneamentos. Tamén imos intentar axudar no máximo posible a colectivos tanto no aspecto cultural como deportivo e a aquelas outras asociacións ás que lles poidamos botar unha man”.
O alcalde subliñou que “sobre todo os orzamentos se van notar no aspecto social de todo o que deriva da pandemia e outras necesidades que poden vir detrás como poden ser o emprego, axudas a autónomos, a empresarios e a comerciantes. Xa leva unha partida importante para poder axudar a estes colectivos. Hai que dicir tamén que os orzamentos de Burela teñen un fondo que levamos un tempo xestionando a través da eficiencia, da eficacia e da responsabilidade, que estamos logrando unha posición da economía do noso Concello extraordinaria. Hai que ter en conta que a estes orzamentos imos poder subirlles a liquidación do ano 2019, onde temos 450.000 euros en positivo que podemos empregar en diversos temas. Un deles vai ser unha axuda directa aos autónomos e aos comerciantes, que esperemos que sexa unha cantidade que podería oscilar entre os 100.000 e os 120.000 euros, ademais do que xa levamos nos orzamentos que son 35.000 euros máis. Tamén imos procurar botar unha man a situacións derivadas da pandemia en axuda social, atención domiciliaria, dependencia e todas aquelas políticas sociais que pensamos que agora mesmo van ter necesidade”.
Alfredo Llano dixo que “no seu conxunto os orzamentos veñen dar saída ás necesidades de servizos que oferta o Concello de Burela para atender perfectamente a todos os veciños e ás veciñas. Pensamos que son garantistas de poder levar adiante a serie de proxectos que temos previstos, e tamén hai un remanente acadado durante todos estes anos de 3.800.000 euros, que é importantísimo. Penso que os orzamentos veñen verificar unha xestión responsable e pensada para o conxunto da poboación e para o ben común”.
O rexedor burelés manifestou que “o Bloque Nacionalista Galego verificou que está de acordo en moitas partidas e abstívose. O PP penso que vota sistematicamente non a todo, dálle igual o que se poida levar aos plenos, eles parece que con votar que non xa cumpriron. Din que non se presentou un informe cando non é verdade. A información que vai nos orzamentos é o que importa e iso forma parte do expediente dos presupostos. Din que se incrementan as partidas dos impostos que pode ser por subilos, cousa que non fixemos, e outra porque hai máis actividade no pobo, e agora mesmo hai unha serie de propostas de construción e de asentamento de negocios que dan lugar a incrementar un pouco a previsión da partida de impostos, taxas e prezos públicos. Polo tanto non está mal enfocado nin deriva dunha suba senón de que procuramos facilitar as labores de asentamento social e económico. Son uns orzamentos que aseguran que as necesidades da veciñanza de Burela estarán cubertas”.
Llano engadiu que “no pleno tamén decidimos facer unha declaración institucional en defensa da factoría de Alcoa, fundamentada no acordo da Mancomunidade da Mariña onde consensuamos unha declaración para favorecer que non se perdan nin postos de traballo nin actividade na fábrica”.



















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.