Martes, 4 de agosto de 2.020 A deputada nacionalista responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire Rancaño, presentou este martes o plan de axudas ao mantemento de faixas de biomasa “O que non arde” para este ano 2020 na súa primeira convocatoria.
O programa “O Que Non Arde” servirá de apoio aos concellos da provincia que velen polo cumprimento da normativa de prevención e defensa dos lumes forestais mediante plans de xestión e mantemento das faixas secundarias de biomasa e faixas laterais das redes viarias municipais.
O programa artéllase arredor de dous eixos :
– O eixo nº 1 está dirixido ao fomento da prevención dos incendios forestais, facendo fincapé na roza de masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, nas faixas de laterais da rede viaria municipal.
– O eixo nº 2 está destinado ao mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa fomentando a adquisición de plántulas de especies arbóreas autóctonas.
Trátase dun programa de axudas, ao que Oliver Laxe presta a súa imaxe, e que se implementará a través de convenios interadministrativos de colaboración entre o ente provincial e aqueles concellos que cumpran tódalas disposicións normativas vixentes a día de hoxe en relación á prevención de incendios.
As solicitudes de colaboración presentaranse de forma telemática a través da sede electrónica: http://sede.deputacionlugo.org ou a través de calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas ata o día 31 deste mes de agosto.
O programa contará cun orzamento inicial de 60.000 €.
Colaboración cos concellos
A deputada nacionalista sinalou que “o programa pretende mitigar a orfandade na que sumiu a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a todos os concellos galegos ao obrigalas a asumir as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da Lei de incendios, sen habilitar medios ou recursos para executalas”.
Freire Rancaño referiuse así á Instrución 1/2018 que obriga ás entidades municipais a asumir as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da Lei de incendios no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa (nunha franxa de 50 metros); arredor das edificacións, vivendas illadas, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte; arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte; así como nas faixas perimetrais de 50 metros arredor das novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.
“O que non arde” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo neste ámbito. Trátase dunha iniciativa pioneira e prioritaria dentro das liñas de traballo que se desenvolverán ao longo da lexislatura.
“Nesta primeira edición o orzamento inicial é de 60.000 euros que se irán incrementando progresivamente en futuras anualidades, a medida que se vaian adherindo ao programa aqueles concellos que cumpran os requisitos e que o soliciten á área de Medio Rural da Deputación. Temos previsto tamén incorporar novas liñas de axuda en edicións posteriores, orientadas á promoción de actividades silvopastorís con gandería extensiva que contribúan a reducir o risco de lumes pola elevada cantidade de biomasa existente nos nosos montes”, engadiu a deputada mariñá.
Os concellos que cumpran os requisitos, poderán solicitar a colaboración ata finais deste mes de agosto, e para elo, farán unha solicitude formal, onde incluirán as accións a executar de forma valorada. As solicitudes serán valoradas por unha comisión técnica formada por persoal do servizo de Medio Rural, que terán en conta a calidade técnica do proxecto presentado, e criterios obxectivos como poboación afectada, número de núcleos nos que se intervén e superficie afectada.
“Lugo é unha provincia moi heteroxénea con municipios con configuracións e necesidades diferentes por iso formulamos o programa dunha forma versátil, facilitando que cada concello deseñe e propoña as solucións que considere máis acaídas”, apuntou Freire Rancaño.
Oliver Laxe, imaxe do programa
O programa de axudas conta co alento de Oliver Laxe, quen se amosou moi ilusionado coa decisión de bautizalo con ese nome. O recoñecido artista e cineasta, que se estableceu na parroquia de Vilela (Navia de Suarna) para traballar en proxectos vinculados ao desenvolvemento rural, entende que se trata “dunha iniciativa moi interesante para o fomento do desenvolvemento económico e social da provincia e acadar unha fixación real de poboación no noso rural, como a presente que incide na prevención dos lumes fronte aos gastos insostibles en extinción”.
O cineasta considera que “son moi necesarias medidas que incentiven o mantemento de superficie agraria útil e a recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas, e que motiven á xente moza a ser valentes e emprender novos proxectos modernos e innovadores coa gran potencialidade produtiva que contamos no noso país”.
A área de Medio Rural e Oliver Laxe anticiparon a súa intención de iniciar colaboracións futuras para levar á práctica medidas encamiñadas ao desenvolvemento rural na zona de montaña dos Ancares lucenses.





















Celebrouse no marco das festas de Vilamar, en Barreiros.
Trátase dunha mostra apoiada pola Xunta que pon en valor o patrimonio histórico, artístico e xacobeo do templo. Comisariada polo historiador Daniel Manuel Vázquez Vila, a exposición reúne oito paneis de carácter didáctico que repasan a historia do santuario, as súas pinturas medievais, góticas e marianas e a súa relación cos Camiños do Norte. O acto enmarcouse no inicio das festas, que concluíu coa lectura do pregón a cargo de Carmen Rodríguez Cancelo.
Faino despois de que esta semana aparecese vandalizada a lápida de Paulo Lopes nun acto que a entidade cualificou de racista e xenófobo. O colectivo expresou o seu apoio á familia e reclamou que se esclareza a orixe da agresión. A concentración terá lugar o luns 25 de maio, ás 20:00 horas, na praza do Concello de Burela, baixo o lema de apoio a Antonina Semedo e contra o racismo.
Durante a visita, destacou a importancia do evento para impulsar a comercialización do produto artesán galego, achegar os oficios á sociedade e reforzar a marca Artesanía de Galicia como sinónimo de calidade e traballo feito á man. Nesta edición participaron 20 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, especializados en marroquinería, cantería, xoiería, cerámica, forxa, bordado ao aire, cestería, xoguetes, tecido, debuxo, vidro, elaboración de roupa, bixutería, sombreirería e complementos de moda.
Os premiados e recoñecidos queixos de Gandería Quintián foron os protagonistas. Os asistentes puideron ver a elaboración de diferentes receitas, que despois tiveron a oportunidade de degustar. A Gastropraza está organizada polo Concello de Ribadeo, a asociación de Cociñeiros Lugo, a Xunta de Galicia e Acisa.
O acto contou coa presenza do alcalde, Carlos López López, e de representantes institucionais de ABANCA e Afundación. A mostra, que poderá visitarse na Casa da Cultura ata o 3 de xullo en horario de 14.00 a 20.00 h, forma parte do proxecto «Corrente cultural», co que Afundación impulsa a difusión artística por toda Galicia. A exposición reúne corenta fotografías procedentes dos arquivos da Axencia EFE que retratan a emigración española e galega ao longo do século pasado, ofrecendo unha mirada humana e documental sobre a historia de millóns de persoas que tiveron que abandonar o seu país para sobrevivir.
Durante a visita déronlle un ramo de flores e felicitárona en nome de toda a veciñanza nesta data tan especial. Un xesto co que o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman unha parte fundamental da comunidade.



