Burela, 9 de setembro de 2020. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, fixo unha valoración moi positiva do campamento de espeleoloxía que a pasada fin de semana se desenvolveu en Burela e considera que a zona do Cantiño se pode converter nun imán de atracción turística.
O edil burelés contou que “segundo nos contan os responsables, nas prospeccións e nas visitas que fixeron á zona do Cantiño encontraron un montón de covas, nalgunhas viron cousas moi interesantes que non tiñan previsto atopar. Fixeron unha primeira observación de todo o que temos alí, non lles deu tempo a ver todo porque ademais o tempo non acompañou moito para poder facer esas visitas con certa seguridade. Pero van volver facer outra inspección con máis detemento. Téñenas topografiadas e vannos facer un primeiro estudio de todo o que viron alí e presentarano no Concello para explicarnos o que temos nesa zona”.
Ramiro Fernández fixo “unha valoración moi positiva e incluso están falando de facer un parque espeleolóxico dentro dun proxecto que van presentar na Mancomunidade, que estaría englobado coas covas do Rei Cintolo, de Mondoñedo, e as minas da Pontenova. Ese é un proxecto que teñen en mente e desde logo o Concello de Burela vai intentar apostar por estar aí e todo o que se encontrou que poida ser interesante tanto arqueoloxicamente como para visitar imos apostar por el, porque entendemos que é unha zona que ten moitos recursos para poder ser un imán turístico ou incluso de temas sobre xeoloxía para todos os que queiran vir aquí”.
O concelleiro de Turismo engadiu: “estamos moi contentos e moi agradecidos a esta xente que veu aquí facer este campamento. Eles tamén quedaron sorprendidos do que encontraron, van volver revisar toda a zona e seguramente proxectos de futuro alí”.
