FOLGOSO DO CAUREL.- Hoxe celebrouse en Folgoso do Caurel os actos institucionais do Día das Letras Galegas. O Presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, dixo que “o idioma é irrenunciable” e o Presidente da Xunta, Nuñez Feijoo, comprometeu “un gran pacto pola lingua”.
NOTA DE PRENSA
INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Folgoso do Courel, 17 de maio de 2010.-
Señor presidente da Real Academia Galega;
Presidente Fernández Albor;
Autoridades presentes;
Señores e señoras académicos;
Miñas donas e meus señores:
Para conmemorar este Día das Letras Galegas que hoxe nos reúne aquí, quero chamar para que me acuda un home destas terras luguesas. Falo de don Álvaro Cunqueiro e da súa fermosa e fluvial definición da nosa terra como o país dos mil ríos. A natureza quixo que pola codia e polo cerne da nosa Galicia, discorrese un sistema circulatorio que nos enche de vida e que nos diferenza daqueles outros territorios que se teñen que conformar con caudais máis humildes.
Nós temos mil ríos e un gran río que semella un mensaxeiro que percorre a nosa xeografía recollendo afluentes diversos. Penso que nese contraste entre a pluralidade de ríos, regatos, fervenzas e cachoeiras, e o gran Pai Miño, está unha das claves para entender o que somos. Somos un país diverso, con miles de ríos e milleiros de pensamentos, temperamentos e xeitos de entender a vida.
Ninguén pode dicir que tantos ríos amolen, nin que sobre unha soa das ideas que os galegos teñen no seu maxín, porque, sen esa idea e sen esas augas, Galicia sería máis pobre.
Unha das razóns polas que esta Academia, hoxe convertida en nómade, conta coa estima da nosa xente é por reflectir esa nacionalidade polifacética que fomos creando dende a noite dos tempos. Don Álvaro foi académico, ocupando unha cadeira que lle correspondera a Ramón Cabanillas.
Velaí dous homes distintos na súa lírica, no seu carácter, na súa vida. Pero galegos. Se existe un parnaso no máis aló, non é difícil imaxinar o poeta da raza e mais o trobador das mil primaveras, intercambiando retallos da súa galeguidade.
O noso presidente da Real Academia Galega establece unha irmandade literaria semellante, nun traballo ao que os anos lle fan gañar valor, como lles acontece aos grandes viños. Titúlase De Pondal a Novoneyra e nel dise que “cada un, ao seu xeito, marca unha inflexión na historia da poesía galega”. Encarnan, presidente Ferrín, dúas etapas nun mesmo camiño. Son dous peregrinos que se atopan nun mesmo rumbo que conduce ao xubileu de Galicia.
Tamén a galeguidade de Ramón Piñeiro e a de Uxío Novoneyra son distintas, e ambos os dous desempeñan facetas da nosa personalidade colectiva: o maxisterio discreto e a voz rexa e telúrica; o artífice do novo galeguismo e o home que arrinca versos dos montes do Courel. O Día das Letras conmemora con eles dúas maneiras necesarias e vigorosas de entender Galicia. Nese valioso mosaico que é o noso gran país, cada río, cada home e cada muller son pezas que fan de nós unha realidade irrepetible na historia.
Un dos vencellos que fan que esas pezas se unan harmonicamente é a lingua. Penso que a confusión de Babel non puido ser un castigo, se os galegos recibimos naquela repartición o idioma no que lles falo, que é o dos meus pais. Con el fomos quen de crear unha rede de sentimentos que fan que non haxa en Galicia valados nin fronteiras que nos separen, porque é de todos. Únenos porque é un punto de encontro, como a praza do Obradoiro, o adro de calquera igrexa ou a encrucillada na que se atopan os camiñantes. Vincúlanos coma o río Miño.
Ningún gobernante sería fiel ao seu compromiso coa terra se esquecese o valor da lingua como lugar común. E quero dicirlles que a tarefa de cultivar ese lugar común é doada nun pobo afeito a falar e a entenderse. O poeta a quen hoxe honramos nesta festa das Letras chamábase a si mesmo dicidor porque a súa poesía era dita máis que escrita. Uxío Novoneyra formaba parte dunha tradición oral propia das comunidades que se realizan na comunicación e no entendemento.
Miñas donas e meus señores. Tivemos a sorte de que esa tradición de respecto pola lingua se fortalecese nos comezos da nosa autonomía, grazas ao acerto de persoas coma o primeiro presidente da Xunta. A súa xeración soubo facer do idioma unha ponte entre os galegos e un camiño entre a Galicia do pasado e a Galicia do futuro. Cómpre lembrar que, sen a súa temperanza, ese futuro que agora é presente, sería moi distinto. Reivindicando a esas xentes encarnadas hoxe aquí polo presidente Albor e aos dirixentes daquel prólogo autonómico, quero subliñar o papel do político, do político de todas as cores, no asentamento dos alicerces da nosa convivencia idiomática.
Esa convivencia esixe hoxe atopar equilibrios. Todos os galegos aman a súa lingua, pero non todos o fan da mesma maneira. Non todos coinciden no modelo ideal para normalizala, nin todos concordan no papel que han ter as administracións á hora de fomentalo,
Cal é a misión dos poderes públicos creados pola vontade popular? Establecer un solo común no que ninguén se sinta alleo.
Ese solo existe xa desde os albores do autogoberno e as súas orixes remóntanse ao nacemento do galeguismo cultural e político. Na nosa opinión, ten catro grades principios: a cooficialidade entre o galego e o castelán; a consideración da lingua galega como lingua propia de Galicia; a acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso; e a aplicación do principio de non discriminación por razón da lingua.
Estamos de acordo nestes catro piares? Estou convencido de que si.
A lingua é de todos os galegos, e sobrevivirá para sempre se todos os galegos queren que sobreviva. A nosa misión, a misión que compartimos a Real Academia Galega, o Goberno e as demais institucións do país, consiste en erguer en torno a eses principios compartidos un gran pacto pola lingua. O meu compromiso queda selado nestas terras do Courel.
“En cada época deben realizarse novas tentativas para arrincar a tradición do conformismo que pretende dominala”. Velaí un fermoso pensamento do filósofo Walter Benjamín, citado polo membro máis recente desta Real Academia Galega no seu discurso de ingreso. Ninguén da miña xeración pode estar en desacordo con estas palabras. O inconformismo é unha das nosas divisas e así terá que seguir sendo para que o mundo continúe a súa marcha.
Na Galicia de hoxe, inconformismo é arelar unha lingua de todos, un galeguismo compartido, un país onde non haxa pensamentos únicos, senón ideas plurais que se complementen no gran mosaico galego, igual que Piñeiro e Cabanillas, ou que Pondal, Novoneyra e Méndez Ferrín; igual que os mil ríos de Cunqueiro. Esa nova tentativa que a todos nos compete é a de completar esta etapa da Galicia peregrina sen defraudar os que deixamos atrás, nin os que seguirán mañá as nosas pegadas. Miñas donas e meus señores, conseguirémolo entre todos.
Moitas grazas.






















A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



