Ribadeo, 2 de xuño de 2021. A Concellaría de Igualdade, Ensino e Mocidade ven de presentar as actividades que organiza para este verán. As inscricións ábrense o día 7 de xuño e deberán facerse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), na Casa da Xuventude. Haberá Vacacións Activas, Ribadeo Mocidade Urbana e Conectividade en Ribadeo. En toda a programación terán preferencia as nenas e nenos empadroados e escolarizados en Ribadeo, con idades entre os 4 e 16 anos.
A concelleira de Igualdade, Ensino e Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, dixo: “queremos presentar as actividades deste verán 2021, despois da pandemia e da suspensión do ano pasado. Imos intentar facelas este ano de acordo co protocolo covid e tendo en conta as medidas hixiénico sanitarias que nos marquen no seu momento e que están vixentes no día de hoxe”.
A edil ribadense subliñou que “as actividades que están propostas para este ano, ademais dun compoñente moi importante como é o tema da conciliación, teñen un compoñente tamén moi relevante no que se refire ao aspecto do tempo de lecer, de ocio e tempo libre dos nosos rapaces e rapazas máis pequenos, pero tamén da xuventude do noso concello. Aspectos como a convivencia, a socialización, o traballo en equipo, a educación en valores e o desenvolvemento físico e emocional van ser as propostas que imos ofertar ao longo de todo o mes de xullo. Van ser levadas a cabo, como sempre, por persoal cualificado e monitores especializados e tendo en conta as ratios que establecen as medidas que no seu momento existan. Vanse levar a cabo ao longo de todo o mes de xullo, terán un carácter totalmente gratuíto e abarcarán desde os 4 ata os 16 anos. As rapazas e os rapaces van estar divididos evidentemente por tramos de idade, entón ofrecemos tres tipos de actividades”.
Álvarez Lastra explicou que “para os máis pequenos, entre os catro e os once anos, aqueles que son nacidos entre o ano 2009 e 2016, o programa que imos poñer en marcha é Vacacións Activas. Van ser ao longo do mes de xullo, son catro semanas e o horario é entre as dez e as dúas da tarde, pero haberá un programa madrugador entre as nove e as dez da mañá para aquelas familias que teñan que deixalos antes de tempo. Cada semana contará con 50 prazas e nun primeiro momento, como é con carácter gratuíto e queremos dar cabida á maior cantidade de nenos e nenas posible, poderán apuntarse unha primeira semana. O prazo de inscrición para esta actividade é entre o 7 e o 15 de xuño presencialmente na Oficina de Información Xuvenil, non vale telefonicamente, hai que ir alí presencialmente. Unha vez que remate a inscrición, o día 17, aquelas persoas que o desexen van poder apuntarse a outras semanas se existen prazas valeiras”.
A concelleira de Mocidade sinalou que “o seguinte programa, que xa está destinado a rapaces e rapazas a partir de 12 anos, nós denominámolo Ribadeo Mocidade Urbana porque son actividades que van ser ao longo das mañás, entre as dez e as dúas da tarde, cunha duración dunha semana, entre o 19 e o 23 de xullo. Terán actividades como rap, skate, graffiti, parkour, todas aquelas que están un pouco de moda, hoxe en día, nos adolescentes. O terceiro programa, nós denominámolo Conectividade en Ribadeo, tamén está destinado para aqueles adolescentes maiores de 12 anos e vai ser entre as once e as dúas da tarde da semana do 12 ao 16 de xullo. Neste caso, os obradoiros xa están máis destinados a aquelas inquedanzas relacionadas co tema da adolescencia ou pre adolescencia, polo tanto, ademais de talleres de rap, fotografía e un escape room que imos facer, abordaranse temáticas tamén relacionadas coa diversidade funcional, coa sexualidade e coa educación, que nos parecen elementos claves e fundamentais nesta etapa do desenvolvemento”.
Mariluz Álvarez Lastra indicou que “avisamos que o prazo para comezar a inscribirse será a partir do día 7 deste mes, que se vai levar a cabo na Casa da Xuventude e que as actividades son totalmente gratuítas. Animamos a todas aquelas familias, adolescentes ou persoas que desexen participar que non dubiden en pasarse por alí, en informarse e desde logo a que participen porque, despois de tanto tempo de non poder facer actividades de tempo libre, nin de ocio nin de lecer, é un momento moi importante para poñer en marcha e garantir a nosa educación tanto física como emocional. É un momento de verán, de distensión, pero tamén é un momento para aprender, para educarnos e para compartir cos nosos compañeiros e coas nosas compañeiras e coñecer xente nova”.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



