Lugo, 17 de xuño de 2021. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, e o portavoz popular en Foz, Javier Castiñeira, fixeron balance esta mañá dos dous anos de goberno local presidido polo socialista Fran Cajoto. Castiñeira sinalou que, efectivamente cumpriuse, pero no sentido máis negativo posible, o anuncio feito polo propio alcalde en maio de 2019: “O noso goberno vaise notar en Foz dende o primeiro día”. E así, sinalou Castiñeira, “o señor Cajoto cambiouno todo, como el dicía, pero para mal”, de maneira que foron dous anos verdadeiramente perdidos para Foz. ´
Polo seu lado, Candia indicou que, “a día de hoxe, o actual goberno non foi capaz de poñer en marcha nin un só proxecto que beneficie a este municipio que, non podemos esquecer, é un dos máis importantes que ten a nosa comarca tanto por poboación, como por renda per cápita”. A este respecto, a popular, que arroupou ao seu compañeiro de partido e tamén voceiro na Deputación, destacou que “o único polo que foi protagonista este goberno foi pola inestabilidade gubernamental e todo o que se fixo en Foz nos últimos anos leva asociado o nome de Javier Castiñeira e, por tanto, do Partido Popular”. Tal é así que, se non fose pola Xunta de Galicia, o investimento sería “moi cativo”. Neste senso, cifrou en máis de 20 millóns de euros a cantidade que o Goberno galego inxectou nesta localidade nos últimos tres anos, e que se traduce en obras tan destacada como o dragado do porto, a posta en marcha da oficina virtual da Mariña lucense, a rehabilitación ou a posta en valor da Basílica de San Martiño.
Castiñeira abriu a súa intervención recordando unha frase do actual alcalde, Fran Cajoto, pronunciada o 28 de maio de 2019: “O noso goberno vaise notar en Foz dende o primeiro día”. O portavoz popular dixo que, “desgraciadamente para o pobo cumpriuse, pero no sentido totalmente contrario a intención do alcalde”. Sinalou: “O bipartito focense volve ás andadas. Nunca funcionou neste pobo un bipartito PSOE-BNG. Nunca foron capaces de traballar en equipo por Foz e a proba son este dous anos de nula colaboración entre as dúas cara do equipo de goberno. Foron dous anos convulsos, nos que o PSOE sufriu a baixa de tres concelleiros, desanimados e desmotivados pola falta de liderado dun alcalde eternamente en prácticas e sen proxecto”.
Para Castiñeira, “se algo se pode dicir deste dous anos é que o goberno chegou tarde a todo, ou non chegou aínda”. Engadiu: “Dedicouse a executar o que tiña organizado o anterior goberno nesta primeira parte do mandato. Estamos a piques de comezar o verán e non temos orzamentos municipais, un dos grandes resumos do traballo deste goberno; nada se sabe do auditorio, nada se sabe tampouco do acceso central que prometeu o señor Cajoto. Nada se sabe do plan de reforma interior, asunto urbanístico pendente, avanzado no seu día polo anterior goberno ao aprobar o PXOM; nada se sabe tampouco das rotondas de Cangas, que no seu día deixou programadas o anterior goberno”.
Segundo a versión de Castiñeira, “o primeiro que fixo o señor Cajoto foi botar a unha conselleira, a de Infraestruturas, e acabar coa excelente relación que tiña o anterior goberno coa Xunta de Galicia, incluído o presidente, ao que o señor Cajoto recrimina por carta e apenas coñece: unhas boas relacións que trouxeron investimentos reais co anterior goberno: grandes investimentos, de millóns de euros, como a residencia de anciáns, dous centros de interpretación, varios dragados, remodelacións urbanas importantes; parques infantís remodelados, remodelacións en colexios, algunhas importantes”. Lamentablemente, dixo o portavoz popular, “pasamos de ser unha referencia turística, con inversión privada, con emprendemento económico, social e cultural, que levaron, por exemplo, ao entroido á mellor etapa da súa vida, ao nacemento da festa normanda, etcétera, a un total ostracismo negacionista de brazos caídos do señor Cajoto”. Engadiu: “Pasamos de remodelar pavillóns, facer piragüeiras novas e apostar polos clubs e ter moi boa relación con todos eles, a que o Concello teña as piscinas pechadas e sen protocolos para albergar competicións federadas nas súas instalacións. Pasamos de ter todo avanzado para renovar os contratos da concesión da auga ou da axuda no fogar a tiralos ao lixo, que, por certo, foi o que máis creceu nestes dous anos. De feito ían municipalizar varios servizos e, polo contrario, como pasou nos orzamentos do ano pasado, aumentaron as partidas para contratacións, algunhas con empresas que eles mesmos criticaban”.
Castiñeira explicou: “Pasamos de duplicar a matrícula na Escola de Música e aumentar novas instalación a que os usuarios recollan firmas, como está pasando actualmente, para que o bipartito se implique algo máis coa Escola de Música. Son enganos masivos, como o dos xubilados, ou os mesmos veciños de Forxán e outras asociacións deportivas e culturais que sufriron a falta de palabra do PSOE e do BNG local neste dous anos. E que dicir dos hostaleiros focenses, totalmente enganados, e dos comercios, que non recibiron axudas directas, contrariamente ao que pasou noutros concellos da provincia”.
Retomando a idea inicial, Castiñeira manifestou: “O señor Cajoto cambiouno todo, como el dicía, pero para mal. A maior abundamento, ninguneado pola Deputación de Lugo, que apenas inviste no concello, que ten que rozar algunhas das súas estradas e facéndose cómplice do Goberno do Estado, xustificando decisión que van en contra da Mariña e de todos os focenses, como no caso de Alcoa ese estatuto totalmente mal feito, que costou a dimisión do seu número dous ao señor Cajoto”.
De como foi a capacidade de xestión do goberno local, dixo o portavoz popular: “Pasamos de 5 concelleiros no goberno con só unha dedicación exclusiva, a dez concelleiros con tres dedicacións, que apenas son capaces de imitar a verdadeiros pedáneos, como eran o señor Manín, Anxel Paleo, Hermida, Merche ou Maite, que altruístamente aportaron o seu tempo e dedicación ao Concello sen reclamar ningún salario”. E, nestas circunstancias, “lamentablemente, nestes dous anos todo foi para atrás, tamén no día a día: hai moitos máis parados que no ano 2018, sen planes de emprego nin obradoiros nestes dous anos e sen proxectos importantes á vista”. Engadiu: “O caso máis significativo é o da depuradora, que acaba de ser informado positivamente mediante a declaración de impacto ambiental por parte da Xunta de Galicia. É un proxecto integramente xestionado polo anterior goberno popular, e que PSOE e BNG intentaron dilapidar en varias ocasións. Agora que están no goberno, cambian de opinión e asumen o seu fracaso neste sentido. Os focenses poderán dispoñer dunha nova depuradora nos próximos anos, grazas á xestión do goberno popular, da Xunta de Galicia e apoiado no seu día por Foz Plataforma de Futuro”.
Castiñeira está convencido de que “moita xente esta decepcionada con estes dous anos de bipartito, nos que o futuro de Foz se viu minguado e reducido á lentitude e desidia do señor Cajoto”. Sinalou: “Esperemos que os próximos dous anos non sexan de prácticas dun alcalde becario, e sexan capaces de levar en liña recta o camiño curvo que trouxeron nestes dous primeiros anos de mandato”.






















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



