Ribadeo, 1 de decembro de 2021. No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foi aprobada unha declaración institucional de apoio aos sectores lácteo e cárnico, debido ao momento crítico que están a vivir. E foi rexeitada unha moción do PP sobre o centro de saúde, que o alcalde, Fernando Suárez, cualificou como totalmente extemporánea e sen fundamento. O rexedor subliñou que “quedou de manifesto o interese, a vontade e o compromiso do goberno municipal para que Ribadeo poida contar cun novo centro de saúde, no caso de que a Xunta non considere tecnicamente posible remodelar e actualizar o existente”.
Suárez Barcia dixo que “foi un completo pleno ordinario, onde saíron adiante unha serie de propostas interesantes para Ribadeo: desde a aprobación da conta xeral do exercicio anterior; a modificación da ordenanza de terrazas para adaptala aos novos tempos e abaratala; unha transferencia de crédito para completar o necesario para levar a cabo a construción das pistas multideporte para a xuventude; o incremento no IPC das tarifas da piscina, da auga e do saneamento, tal e como está na norma; a solicitude dun novo proxecto europeo Life para a adquisición de terreos costeiros nas parroquias da Devesa, Vilaframil e Rinlo para diferentes actuacións medio ambientais, etcétera”.
O alcalde subliñou que “tamén acordamos entre todos os grupos a aprobación dunha declaración institucional de apoio aos sectores lácteo e cárnico galego e de Ribadeo en particular, debido ao momento crítico que están a vivir polo aumento dos insumos e pola pouca repercusión no prezo que a eles lles pagan. Por iso acordamos dirixirnos á Xunta para poña a andar un foro de encontro con todos os actores nesta cadea. E tamén dirixirnos ao Goberno do Estado para que desenvolva de vez a Lei da Cadea Alimentaria”.
O rexedor referiuse ao capítulo de mocións: “logo en canto a esa moción do PP relativa ao centro de saúde, totalmente extemporánea e sen fundamento, pois pedía que fixeramos precisamente o que xa levamos semanas facendo, desde que recibimos formalmente a comunicación do conselleiro de Sanidade, polo que non llela puidemos aprobar. Quedou de manifesto o interese, a vontade e o compromiso do goberno municipal para que Ribadeo poida contar cun novo centro de saúde, no caso de que a Xunta non considere tecnicamente posible remodelar e actualizar o existente. De feito xa lle comunicamos formalmente a nosa boa disposición ao conselleiro de Sanidade hai 20 días e actualmente estamos agardando, tal e como el suxeriu, a que veñan os técnicos de Sanidade a xuntarse cos nosos técnicos municipais para avaliar que posibilidades reais e lóxicas pode haber na vila de Ribadeo, para que, de acordo co vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Concello poida entregar os terreos que a Xunta demanda”.
Suárez Barcia dixo que “en todo este proceso ofrecemos dilixencia, transparencia e compromiso, pois as xestións urbanísticas poden ser complexas e laboriosas, ademais de levar tempo. Pero loxicamente queremos esixir certeza, realidades e que todo isto non sexa fume. De feito nos orzamentos da Xunta do ano que vén non hai consignado un céntimo de euro para o posible novo Centro de Saúde de Ribadeo. Con todo, e independentemente disto, esixímoslle a Xunta que ten que recuperar o número de profesionais que actualmente atenden á nosa poboación de 10.000 habitantes, e que son totalmente insuficientes, e á vista están os colapsos, as demoras, as boas atencións que merece a cidadanía que non se dan, pero non porque alí haxa malos profesionais senón porque hai agora menos que había hai 10 anos e isto non pode ser”.
E engadiu: “e logo en canto a rogos e preguntas, coma sempre, aceptamos aqueles lóxicos, construtivos e honestos que nos fai a oposición e rexeitamos aqueloutros que non poden ser viables ou que son manifestamente demagóxicos”.




















Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"



