Madrid, 21 de decembro de 2021. BNG reclama no Congreso que o Goberno do Estado resolva negativamente o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Mistral, así como a súa infraestrutura de evacuación en Lugo, e do Parque Eólico Nordés, e a propia que afecta á Coruña e Lugo. O deputado do BNG, Néstor Rego, demanda unha planificación coordinada entre executivo estatal e galego, respectando as competencias propias da Xunta de Galiza.
En outubro publicábase a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Mistral de 100 MW- incluída a súa infraestrutura de evacuación- en Lugo, así como do Parque Eólico Nordés de 67,2 MW e a súa evacuación que afectaría a Lugo e A Coruña. Esta solicitude de autorización para a implantación destes novos proxecto vén sumarse aos centos de proxectos que solicitaron implantarse na xeografía galega.
“A caótica e lesiva proliferación de parques eólicos na Galiza evidencia unha falta de planificación enerxética e, de non pórlle freo, suporá a invasión de terreos protexidos e zonas de especial protección, e acabarán situados a escasos metros de vivendas e núcleos de poboación” denuncia o deputado do BNG. De facto, a meirande parte dos proxectos afectan a zonas que non están contempladas no actual plan eólico da Galiza -plan que ficou totalmente obsoleto- e tramítanse, ademais en moitos casos, como proxectos fragmentados de maneira fraudulenta para evitar que se lle apliquen normas de control máis severas. “A Galiza é xa, no momento actual, produtora excedentaria de enerxía procedente de fontes renovábeis, a implantación de máis parques só sirve para incrementar o expolio dos nosos recursos sen recibir beneficio a cambio” destaca Néstor Rego. “Debe apostarse por pequenos proxectos de proximidade, que respecten o medio ambiente, os núcleos de poboación e xeren riqueza no territorio onde se implantan” segue expoñendo, “mais o modelo de macroparques que queren impoñer non é aceptábel”. Ademais a frente segue a defender, para compensar os custos ambientais da produción e exportación, a necesitade dunha Tarifa Eléctrica Galega.
No que ten haber cos proxectos eólicos Nordés e Mistral, cabe destacar que se atopan situados fora das citadas áreas de desenvolvemento eólico (ADEs) contempladas no Plan Sectorial Eólico da Galiza. “A autorización destes parques polo Ministerio incumpriría a normativa autonómica relativa á zonificación do Plan Sectorial Eólico, pois ao tratarse dunha normativa de ordenación do territorio, competencia o executivo galego, o informe da Xunta é vinculante” enfatiza o deputado do BNG. Todo iso fai que o parque eólico proposto sexa inviábel desde o punto de vista legal.
Esta inviabilidade afectaría tamén á “subestación eléctrica de Abegondo”. No ano 2016, foi publicado o proxecto denominado “Subestación eléctrica de Abegondo 400/220 kV”, porén, aínda que fora sometido a consulta das distintas Administracións Públicas afectadas e das persoas interesadas, para a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental, o proceso quedou paralizado nese punto, sen que chegase a publicarse o estudo de impacto ambiental nin a solicitude de autorización administrativa. “Chama a atención que se inclúa esta subestación no proxecto cando, debido á paralización do procedemento, descoñécese o seu emprazamento definitivo, a súa viabilidade e excutividade, sendo a promotora a que escolle unha das tres propostas alternativas reflectidas no documento inicial que fora presentado por REE pero cuxos trámites non chegaron nunca a rematarse” resalta o deputado Néstor Rego.
“Así mesmo, estamos novamente ante un estudo incompleto pois non recolle referencia algunha á preexistencia da LAT de 400 Kv que conecta a central térmica das Pontes de García Rodríguez coa estación do Mesón do Vento no termo municipal de Ordes” subliña o BNG. A infraestrutura de evacuación do parque eólico Nordés coincide en varios tramos coa citada liña e chega a cruzarse en diversas ocasións coa xa existente cuestión que se ignora no proxecto, o que pon en dúbida a viabilidade do novo trazado.
A implantación destes proxectos terá un gran impacto no medio ambiente, en particular, na flora e a fauna. “Veríanse afectadas de forma severa os hábitats dun total de 194 especies de vertebrados inventariadas, catro peixes continentais, trece anfibios, oito réptiles, vinte e seis mamíferos e ata 143 especies de aves” enumera o deputado, Néstor Rego.
“Debe destacarse a proximidade tanto dos parques eólicos como das súas liñas de evacuación a distintos núcleos de poboación que se sitúan a menos a menos de 200 metros de distintas vivendas illadas, co que se estaría incumprindo claramente a normativa relativa ás distancias mínimas a vivendas” afirma Rego. Todos os estudos determinan claramente a incidencia negativa e de intensidade media dos parques eólicos sobre a poboación próxima, producíndose contaminación acústica e luminosa. “Representan un grave prexuízo para o benestar e a saúde dos habitantes residentes nas proximidades aos parques e liñas de evacuación, pero tamén para o valor patrimonial dos inmóbeis que habitan e para as súas actividades económica” destaca o deputado nacionalista “todo iso terá, en consecuencia, repercusións negativas para a fixación de poboación e o fomento do emprendemento no medio rural”.



















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



