Foz, 10 de maio de 2022. A Casa da Cultura acolleu a entrega dos 15 soldos da campaña dos días do Pai e da Nai de AciaFozCCA. Tamén recibiron os seus galardóns os gañadores da XVIII Ruta de Tapas. O acto, que foi conducido por Anxo Rivas de Radio Foz, contou coa presenza do alcalde de Foz, Fran Cajoto, do presidente da Federación Galega de Comercio, José Mª Seijas, do xefe territorial de Economía e Empresa, Gustavo Casasola, do presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, e doutras autoridades como os concelleiros de Comercio e Cultura focenses, Chema Linares e Inés lópez Couto, e o deputado provincial Javier Castiñeira.
AciaFozCCA repartiu 6.000 euros nos 15 soldos entregados na xornada de onte, que as afortunadas e os afortunados poderán consumir de xuño a novembro. Os gañadores dos 5 soldos de 100 euros mensuais foron: Marta Fra, que mercou en Decoraciones Pura; Carmen Castro en La Flor Abulense; Antonio Peláez, en Librería A Rapadoira; Carmen Otero en Kukadas; e Vanesa Losa en Milar.
E os gañadores dos 10 soldos de 50 euros mensuais foron: Constantino Pérez, que fixo compra en Ofifoz; Montse Fernández en Decoraciones Pura; Carmen Fernández en Chinela Nenos; Mª Luisa Alonso en Kukadas; Dulce López en Lencería Esther; Rebeca Fernández en Mercería Vera; Tania Novás en Vas’s; Elisa Vilaseca en Ferretería Fuente; Manuela Otero en Milar; e Alicia Vázquez en Chuvia.
O primeiro premio da décimo oitava Ruta de Tapas foi para Namarinos polo seu “nido de bacalao con guacamole y crujiente de cebolla”; o segundo premio recibirao Dandy polo seu “hojaldre de carrillera”; o terceiro premio será para Anduriña pola súa “piruleta de ternera gallega en tempura sobre crema de queso de San Simón y reducción de vino mencía” e haberá un premio especial para O Pelolo polo seu “huevo de codorniz a baja temperatura con espuma de patata, migas y botillo”. O xurado quixo recoñecer así a súa orixinalidade.
Fixeron entrega dos premios aos ganadores e gañadoras o xefe territorial de Economía e Empresa, Gustavo Casasola, o presidente da Federación Galega de Comercio, José Mª Seijas, o concelleiro de Comercio e Turismo, Chema Linares, o vicepresidente de AciaFozCCA, José Ginzo, a secretaria de AciaFozCCA, Olaya Pedrosa, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, a concelleira de Cultura, Inés López, así como Pura García e Moncho Castro, vocais de AciaFozCCA.
Interviñeron no acto Gustavo Casasola, José Mª Seijas, José Carlos Paleo e Fran Cajoto. Todos felicitaron aos afortunados e subliñaron a importancia que os negocios locais teñen para localidades como Foz. Animaron a seguir apostando polas compras no comercio da vila.
Estas campañas, organizadas por AciaFozCCA, contaron coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz.
Galardoados e convidados compartiron un viño e conversación na pizzería Xoíña e antes fixeron todos xuntos unha foto de grupo.
























Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



