A titular de Mar en funcións salienta os atractivos dunha iniciativa que emula a chegada dos restos do apóstolo a terras galegas a bordo da lendaria barca de pedra
Sanxenxo (Pontevedra), 10 de maio de 2022. A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, animou hoxe a todos os navegantes de Galicia, España e do mundo enteiro a facer o Camiño de Santiago por mar para coñecer os encantos da comunidade galega desde unha perspectiva diferente, bordeando as súas costas. Fíxoo durante a presentación no Real Club Náutico de Portonovo da Travesía Náutica Xacobea 2022: a peregrinación a Galicia por mar, onde salientou que os participantes poderán gozar dunha ruta marítima “especial e singular” que emula a chegada dos restos do apóstolo a terras galegas a bordo da lendaria barca de pedra.
A titular de Mar en funcións, que estivo acompañada no acto pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e pola comisaria do Xacobeo 2021-2022, Cecilia Pereira, puxo en valor a importancia da peregrinación por mar e do impulso de iniciativas coma esta, que se vén desenvolvendo nos últimos exercicios e que este ano conta co apoio da Xunta do mesmo xeito que en 2021 o tivo a travesía Navega o Camiño ou Sail the Way.
A Travesía Náutica Xacobea é unha peregrinación por mar a vela dun mínimo de 90 millas ata algunha das instalacións náuticas galegas e que continúa a pé polo itinerario oficial do Camiño Portugués durante sete quilómetros desde O Milladoiro (Ames) ata Santiago de Compostela. Nesta edición de 2022 Portos de Galicia propuxo que a peregrinación partise de Andalucía, remontando a costa portuguesa polo Atlántico para entrar en Galicia por Baiona e percorrer as Rías Baixas ata Portosín (Porto do Son) co obxectivo de promocionar un maior número de instalacións náutico-recreativas da comunidade.
Esta saída desde Andalucía fixo que a Xunta -a través de Portos e Turismo de Galicia- e a Junta andaluza -a través de Puertos de Andalucía- coordinen a súa participación no evento fretando unha embarcación oficial que fará todo o traxecto con medios de comunicación, representantes sectoriais e convidados das dúas administracións a bordo. Neste barco irán tamén xornalistas especializados doutros países para difundir a importancia do Camiño de Santiago por mar e ampliar a súa repercusión internacional.
A conselleira do Mar en funcións subliñou que este tipo de accións de promoción turística pretenden dar a coñecer o sector náutico galego -que conta con preto de 14.000 prazas de atracada en 30 portos deportivos vencellados coas rutas marítimas a Santiago- como un valor estratéxico para atraer turismo a Galicia e conmemorar o fito xacobeo ao constituír un camiño máis de peregrinaxe.
“Temos unha nova oportunidade para aproveitar o mar como camiño, un mar que ten algo de aventura, de emoción, de relax e de desconexión. Pódolles asegurar que se as paisaxes mariñas vistas desde terra son espectaculares, as que se xeran da costa vista desde o mar aínda o son máis. Para gravalas para sempre na memoria”, asegurou Rosa Quintana.
A representante da Xunta tamén lembrou que iniciativas como a Travesía Náutica Xacobea contribúen a impulsar o sector da náutica, que sufriu durante a pandemia pola covid-19, que está a remontar e que ten marxe de crecemento. Trátase dunha actividade, engadiu, con preto de 400 empresas e 2.200 empregos directos, cun movemento económico que rolda os 235 millóns de euros e máis de 80 millóns de valor engadido. Só o ano pasado a comunidade rexistrou 35.000 pernoctas en tránsito nos portos galegos que supuxeron un impacto económico de arredor de 3,5 millóns de euros.
As rutas por mar
A Travesía Náutica Xacobea 2022 está impulsada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) e sairá do porto de Barbate (Cádiz) o vindeiro 28 de maio para chegar a Santiago de Compostela o 13 de xuño. Nesta edición a Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía colaboran mediante a coordinación da travesía no seu territorio.
A maiores da participación activa nesta iniciativa, o Goberno autonómico tamén apoia, como todos os anos, a promoción doutras dúas peregrinacións por mar con destino Galicia que se celebran no marco do Camiño de Santiago: a ruta Sail the Way -na que a Xunta participou en 2021 do mesmo xeito ca este ano en Navega o Camiño- e a Ruta do Cabaleiro das Cunchas.
A primeira delas está promovida pola asociación náutica Northmarinas coa colaboración de Marinas de Galicia e consiste na peregrinación a vela desde La Rochelle (Francia) ata a ría de Arousa e remonte polo río Ulla seguindo por mar o trazado en terra do Camiño Francés. Este ano sairá o 24 de xuño de La Rochelle e chegará a Santiago o 14 de xullo.
A segunda, impulsada pola Fundación Traslatio, rememora o mito da Traslatio do Apóstolo Santiago cun percorrido variable nas súas edicións desde o Mediterráneo ou a costa portuguesa ata Galicia. Este ano sairá de Póvoa de Varzim (Portugal) o 16 de xullo e chegará a Santiago de Compostela o día 23 do mesmo mes.

















Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.
A conselleira do Medio Rural acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado á feira e festas das San Lucas.
A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.



